EMPREGO

O FIE 2017 centrarase na economía circular como motor do desenvolvemento do mercado laboral

09/05/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, acompañada de Siro González, do Restaurante Siro, e Freire Chico, de Airas Cátering, deu a coñecer esta mañá as Xornadas de Economía Circular que centrarán a Feira de Innovación para o Emprego (FIE) 2017.

Marta Lois destacou a economía circular como "un sistema industrial restaurador que substitúe o concepto de caducidade polo de restauración, optimizando materiais, produtos e sistemas. A economía circular, engadiu, "máis aló dos seus beneficios ambientais, pode ser un remedio social á crise do emprego que enfrontan os países europeos. Moitos estudos internacionais mostran que a economía circular pode activar as pancas que promovan un desenvolvemento positivo do mercado laboral".

A día de hoxe recibíronse 106 ofertas, correspondentes a 273 postos de traballo, e xa a se deron máis de 2.600 inscricións nas ofertas de máis de 1.000 persoas diferentes. Ademais, enviáronse 700 currículos que se axustaban ao perfil requirido polas empresas. Da totalidade das ofertas, 17 son para persoas con discapacidade (un total de 33 postos). Moitas das ofertas que están sendo xestionadas aínda seguen abertas a novas inscricións a través da web da Axencia Local de Colocación.

Obradoiros e actividades de formación
O FIE 2017 será un espazo de información e encontro entre persoas demandantes de emprego e empresas que buscan persoas. Inclúe multitude de actividades formativas, de información e intermediación laboral, no que participarán máis de 2.000 persoas.

No propio Foro desenvolveranse diversos obradoiros relacionados con ocupacións emerxentes no ámbito da economía verde e a creación dunha marca dixital para a busca de emprego. Entre eses obradoiros destacan o de portais de emprego e redes sociais, empregos emerxentes, marca persoal, interacción con empresas ou formación teórico-práctica sobre oratoria.

Mesas redondas
O xoves, ás 10:00 horas, terá lugar a inauguración deste Foro de Emprego, no que se celebrarán diversas mesas temáticas que xirarán en torno á economía circular. Así, poñerase o foco nas alternativas que ofrece a economía circular; da súa importancia no eido local como impulso ao emprego; dos empregos emerxentes en sectores estratéxicos como as TIC, os produtos ecolóxicos, o sector hostaleiro ou o tratamento de residuos.

Marta Lois puxo un exemplo de economía circular realizada no Concello de Santiago e con apoio institucional, sendo un dos dez proxectos innovadores nesta materia en Europa no 2016. "Estou a falar do Prestogal, posto en marcha o ano pasado pola Concellería de Políticas Sociais e que consiste en trocar e prestar determinados obxectos que unha persoa non usaba por outros aos que lle podía dar máis uso".

Direccións relacionadas



Compartir: