SENSIBILIZACIÓN

O Pazo de Raxoi tínguese de azul e púrpura pola enfermidade de Huntington

06/05/2017 O Pazo de Raxoi tínguese esta noite de azul e púrpura, como mostra de apoio do Concello á campaña internacional de visibilización da enfermidade de Huntington.

A Asociación Corea de Huntington Española lanzou unha invitación a diversas entidades locais para que se sumaran a esta iniciativa. Algunhas cidades fixérono na noite do 5 de maio, como Madrid, Mallorca, Guadalaxara ou Córdoba. O Concello de Santiago apoiou a campaña iluminando a fachada do Pazo de Raxoi. Ademais, na praza do Obradoiro tamén se pode ver a faixa instalada pola Universidade no Colexio de Fonseca.

Estas accións enmárcanse na campaña internacional #LightItUp4HD iniciada en Canadá e que chegará a cidades de todo o mundo ao longo do mes de maio.

Máis de 4.000 casos en España
A enfermidade de Huntington é a terceira patoloxía neurodexenerativa máis importante, despois do Alzheimer e o Parkinson. Estímase que a padecen máis de 4.000 persoas en España, e máis de 15.000 están en risco de desenvolvela debido ao seu carácter hereditario e incurable. Os seus síntomas seméllanse á unión do Parkinson, a ELA e o Alzheimer. Inícianse sobre os 35-45 anos e o prognóstico vital da enfermidade é duns 15 ou 20 años.

Compartir: