LINGUA

O IES Xulián Magariños de Negreira, gañador do Club de Debate 2017

06/05/2017 O IES Xulián Magariños converteuse este sábado no gañador da edición deste ano do Club de Debate, na final celebrada no Centro Sociocultural de Santa Marta. O alumnado do centro de Negreira conseguiu unha puntuación de 411,50 puntos, por diante dos 403,50 do segundo clasificado, o IES Luís Seoane de Pontevedra; e dos 391,50 que lle deron o terceiro posto ao IES da Pontepedriña. Para esta final tamén lograran clasificarse o IES de Bertamiráns, o CPI Plurilingüe de Vedra, e o IES Leixa de Ferrol. Ao acto de entrega dos premios asistiu o concelleiro Rafael Peña.

O premio final para o equipo gañador é unha viaxe multiaventura dunha fin de semana, para un máximo de 20 persoas. Nesa viaxe, os rapaces e rapazas terán ocasión, entre outras cousas, de achegárense ao patrimonio lingüístico a través de actividades lúdicas nas que o idioma terá un papel fundamental, en coherencia co obxectivo principal do proxecto, que é promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais.

O Club de Debate é un torneo de debates entre equipos, que pretende ser unha oportunidade para traballar doutro xeito algúns dos contidos e obxectivos do currículo educativo. Ao tempo, favorécese o uso do galego oral en contextos formais, o propio debate; e en contextos informais, a convivencia que se xera. O tema elixido para esta final foi "O futuro da lingua depende da mocidade".

Compartir: