ACCIÓN CULTURAL

A XII Mostra Internacional de Cine Etnográfico proxectará 16 filmes do 29 de maio ao 3 de xuño

05/05/2017 A concelleira María Rozas, presentou esta mañá no Teatro Principal, acompañada da directora do MICE, Ana Estévez; da coordinadora da sección de Etnografía, Xisela Franco; e dun representante de Cineclub Compostela, Iván García, a duodécima edición da Mostra Internacional de Cine Etnográfico.

Este evento cultural terá lugar en Santiago do 29 de maio ao 3 de xuño en tres escenarios: o Teatro Principal, o Salón Teatro e o Museo do Pobo Galego. A concelleira María Rozas destacou a escolla do Museo como escenario principal, xa que, "como ben reza a campaña posta en marcha polos seus socios e socias, trátase dun museo de todos e de todas. De todos os composteláns e compostelás e de todos os galegos e galegas".

María Rozas fixo fincapé tamén na colaboración entre institucións que "fai posible que poidamos levar a cabo máis e mellores eventos, como este ou o Cineclub e Cineuropa". Na mostra participan un total de 16 filmes, dos cales 15 foron seleccionados polo xurado de preselección, de entre todos os inscritos, para optar ao premio á mellor película nesta edición da MICE. Tres traballos optan ademais ao galardón especial para as producións galegas: Entrar aos Vilares, O Moredo. A resistencia do Entroido Ribeirao e Esquece Monelos.

Ademais da sección competitiva e da colaboración co Espiello, Festival Internacional de Documental Etnográfico de Sobrarbe (Huesca), a MICE contará este ano con dúas seccións máis e unha mesa redonda con profesionais do audiovisual e a antropoloxía sobre a relación do cine e a etnografía.

Direccións relacionadas



Compartir: