DEPORTE

O campo de Belvís acolle o II Torneo do Camiño de Quidditch, que enfrontará a cinco equipos da Península

04/05/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, deu a coñecer hoxe os detalles do II Torneo do Camiño de Quidditch, que reunirá en Compostela a cinco equipos procedentes de varias partes da Península. Na rolda estivo acompañada de Jorge Martínez e Manuel Estevo, da Asociación Deportiva Lumos Compostela, organizadora do torneo.

O evento celebrarase no campo municipal de Belvís os vindeiros días 6 e 7 de maio en horario de mañá e tarde o sábado e en horario de mañá o domingo. Os equipos participantes son o Lumos Compostela, Lucus Centauri, Merloco Towners, Madrid Lynx e Els Genuïns i Apostoflants Sapastres Catalans. En total celebraranse 15 partidos entre ambas xornadas, dez correspondentes a un liguiña inicial e os cinco restantes de carácter eliminatorio.

Normas de xogo
O quidditch é un deporte que, como destacou a concelleira, "naceu en 2005 e, aínda que é bastante novo e categorizado como non tradicional, actualmente xógase en todo o mundo, e en Galicia contamos incluso cunha liga regular da que ademais resultou vencedor o pasado mes de abril o Lumos Compostela".

O obxectivo final é, como en calquera outro deporte, ter máis puntos que o rival e iso conséguese introducindo os diferentes tipos de bolas en tres aros situados ao final de cada campo. Unha das bolas máis importantes, que outorga 30 puntos ao que equipo que a captura, é a snitch, que no deporte real é unha bola de tenis metida nunha media e colgada dun deportista neutral, que vai vestido de amarelo. Os sete xogadores e xogadoras de cada equipo deben participar utilizando vasoiras, porque do xeito contrario serán penalizados. De feito, cada encontro comeza co berro de "Escobas arriba".

En caso de empate na fase de grupos terase en conta o resultado do enfrontamento directo dos equipos empatados e, no caso de seguir en táboas, usarase a diferenza de puntos de quafffle, puntos de quaffle marcados, número de snitches capturadas en swim, número de snitches capturadas en tempo regular, menor número de tarxetas vermellas, amarelas ou azuis.

Ademais da disputa dos partidos, este deporte quere ser tamén unha forma de fomentar a convivencia, de tal xeito que haberá unha serie de actividades de fin de semana, entre as que destacan un buzón de peticións, o troco de caramelos por moretóns consecuencia do contacto físico durante os encontros ou a noite meiga, a celebrar o sábado con queimada incluída.

Este deporte ten as súas propias normas e está gobernado pola International Quidditch Association.

Compartir: