INFRAESTRUTURAS

O novo túnel de Galuresa terá 600 metros de longo e absorberá o 70% do tráfico

01/12/2006 O Ministerio de Fomento remitiu ao Concello de Santiago o proxecto do túnel de Galuresa para que o Concello lle manifeste a súa conformidade. Así o fará, con simplemente algunhas suxerestións, na Xunta de Goberno local do luns 11 de decembro. Segundo indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, o novo túnel permitirá absorber aproximadamente un 70% do tráfico que discorra pola zona.

A novo vieiro subterráneo medirá uns 600 metros de longo e terá unha profundidade duns seis metros. Partirá das inmediacións da Residencia Universitaria Teniente General Barroso e desembocará no vieiro Antonio Fraguas. Disporá de dúas zonas de seguridade para evacuación a cada lado. No interior do túnel haberá dúas beirarrúas duns 75 cm cada unha a cadanseu sentido.

Segundo indicou Sánchez Bugallo, en superficie a rúa terá un tratamento de boulevard. Así, habilitarase unha beirarrúa de seis metros na marxe esquerda e outra de catro metros na dereita.

Un aspecto importante do proxecto é que se manteñen todas as entradas actuais ao Ensanche. O orzamento inicial previsto para estas obras é duns 15 millóns de euros. Unha vez remitida a conformidade municipal, o Ministerio de Fomento completará o proxecto e sacará a licitación as obras no primeiro trimestre de 2007.

Compartir: