EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Escolares de dez centros subirán ás táboas do Principal no XXII Certame de Teatro Intercentros

04/05/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou o XXII Certame de Teatro Intercentros, que un ano máis se celebrará no Teatro Principal. Ademais da función xa celebrada este 2 de maio, celebraranse outras os días 8 e 9 de maio para os centros de Secundaria, e o 15 de maio para os centros de Primaria.

O Certame de Teatro Intercentros, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía e a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística, segue ofrecendo a alumnado de Primaria, Secundaria e Bacharelato de Santiago e comarca a oportunidade de amosar ao público o traballo teatral realizado ao longo do curso nos centros escolares. Os preparativos do certame comezan ao principio do curso, no que se constitúen os grupos, se deciden as obras a interpretar, os vestiarios ou o decorado, e se ensaian as técnicas básicas da interpretación teatral.

Chegado maio, todas as obras son interpretadas no Teatro Principal nunhas funcións abertas ao público. O calendario abriuse este pasado 2 de maio coa posta en escena do grupo do IES Eduardo Pondal. O 8 de maio actuarán o grupo do IES Pontepedriña (11:00 h) e os dous grupos do IES Rosalía de Castro (17:00 e 20:00 h). Ao día seguinte, vez para o IES Arcebispo Xelmírez I (10:30 h), IES Antón Fraguas (12:30 h) e CPPI dos Dices de Rois (18:00 h).

Os catro grupos de teatro de Primaria desta edición actuarán na mañá do 15 de maio, arrancando as funcións ás 10:00 horas. Subirán ás táboas do Principal, sucesivamente, os alumnos e alumnas dos colexios Nosa Señora dos Remedios e San Jorge, do CEEPR Aspanaes e do CEIP de Prácticas López Ferreiro.

Todos os/as participantes neste certame reciben un diploma acreditativo. Ademais, a Concellaría de Educación e Cidadanía entrega un agasallo simbólico a cada centro escolar en recoñecemento ao seu traballo.

Na rolda de prensa deste xoves, o concelleiro Manuel Dios estivo acompañado da coordinadora do certame, Sagrario Torrado; do xefe do Departamento de Educación, Xosé M. Rodríguez-Abella; do director do grupo de teatro do IES Xelmírez I, Daniel Bahamonde; e da directora do grupo de teatro do CPI dos Dices de Rois, Dolores Santos. Integrantes destas dúas formacións teatrais tamén asistiron á comparecencia.

Documentos relacionados



Compartir: