ACCIÓN CULTURAL

Cisma Danza e La Incidente D-T, no Teatro Principal

27/04/2017 A Concellaría de Acción Cultural celebrará o Día Internacional da Danza (29 de abril) coa presenza de diferentes compañías que, dende este xoves 27 e ata o sábado 29, ofrecerán diversos espectáculos que nos achegarán á danza contemporánea. Dentro desta programación especial, Cisma Danza e La Incidente D-T presentan Absentia este venres 28 de abril, ás 20:30 horas, no Teatro Principal.

Absentia parte da necesidade de pechar un círculo mesmo se as liñas que o conforman non están unidas, de tal xeito que este en realidade non existe. O resto da contorna é creada pola imaxinación. Nesta peza crean dende a ausencia, dende a imaxinación, a ausencia é o que os move.

As entradas están á venda a 8 euros, cos descontos habituais no despacho de billetes do Teatro Principal e en entradas.abanca.com.

As compañías
A Compañía Cisma nace en 2009, fundada por Xiana Vilas e Isabel Sánchez. O interese común por establecer novos diálogos con outras disciplinas e a procura de novas formas de expresión a través do movemento son os eixes principais en torno aos que xira o traballo desta compañía. En 2011 únese á mesma a bailarina e actriz Fiona B. McCudden e, froito dunha traxectoria irreversible, únese tamén a artista multidisciplinar Claudia Delso.

La Incidente D-T nace no ano 2011 baixo a dirección do bailarín e coreógrafo Leodan Rodríguez. Licenciado en Artes da Danza polo Instituto Superior de Arte de Cuba, investiga e traballa, a través desta compañía, na expresión incidente, a acción que ocorre no presente, o movemento que sobrevive aos feitos e as acción que detonan en outras accións.

Máis espectáculos
A programación especial continuará o sábado 29, Día Internacional da Danza, coa compañía Las Tricotouses no Teatro Principal e co Centro de Danza e Artes Escénicas Can Cun Quinqué na praza da Quintana.

Compartir: