ACCIÓN CULTURAL

Compostela celebra o Día Internacional da Danza

26/04/2017 A Concellaría de Acción Cultural celebrará o Día Internacional da Danza (29 de abril) coa presenza de diferentes compañías que, dende este xoves 27 e ata o sábado 29, ofrecerán diversos espectáculos que nos achegarán á danza contemporánea.

Abre a programación a Compañía Entremáns con Andiometrados, o xoves 27 de abril, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. Trátase dun espectáculo formado por tres pezas curtas de danza creadas en diferentes espazos onde o ámbito foi soporte nas súas múltiples formas e o pulso físico se manifesta vertixinosamente.

Cisma e la Incidente D-T presentan Absentia o venres 28 de abril, tamén ás 20:30 horas, no Teatro Principal. Absentia parte da necesidade de pechar un círculo mesmo se as liñas que o conforman non están unidas, de tal xeito que este en realidade non existe. O resto da contorna é creada pola imaxinación. Nesta peza crean dende a ausencia, dende a imaxinación, a ausencia é o que os move.

Para Entremáns e Cisma, as entradas xa están á venda a 8 euros, cos descontos habituais, no despacho de billetes do Teatro Principal e en entradas.abanca.com.

E xa no Día Internacional da Danza, o sábado 29 de abril, programación para gozar en familia coa compañía Las Tricotouses, que suben as táboas do Principal ás 18:30 horas con Emoticores, un espectáculo infantil e familiar no que Cristina Montero e Rut Balbís dirixen a proposta ao público de máis de 6 anos. É un espectáculo de danza no que traballan as emocións a través das formas, as cores, o son e o movemento, co obxectivo de axudar ao entorno familiar das nenas e nenos a relacionar as emocións con aquilo que as provoca.

As entradas das Tricotouses están á venda a 3 euros con entrada familiar (4 entradas), 10 euros no despacho de billetes do Teatro Principal e en entradas.abanca.com.

Las Tricotouses ofrecen tamén, en horario de mañá, as 12:30 horas e no Teatro Principal, o obradoiro Cor e psicoloxía, dirixido a nenos e nenas a partir de 6 anos. Persoas adultas e máis novas precisan espazos onde recoñecerse e expresarse afectiva e emocionalmente. É importante proporcionar estes lugares de contacto e de expresión e, así, camiñar cara un modelo educativo máis integrador, humano e creativo O obradoiro é de entrada libre ata completar aforo.

Xornada de actividades na Quintana
Finalmente, o Centro de Danza e Artes escénicas Can Cun Quinqué, en colaboración coas diferentes escolas e centros de danza de Santiago de Compostela, completa a celebración do Día da Danza na praza da Quintana, para todos os públicos.

O día dividirase en dúas xornadas: pola mañá, a partir das 12:00 horas, poderemos gozar dunha mostra do alumnado das distintas escolas de danza de Santiago de Compostela; e xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, haberá clases abertas e gratuítas na mesma praza da Quintana, rematando cunha Jam de música, percusión e danza ás 20:00 horas. A entrada é libre.

O Día Internacional da Danza foi establecido pola Unesco en 1982, atendendo unha iniciativa do Comité Internacional de Danza, pertencente ao Instituto Internacional de Teatro (ITI/UNESCO). Para celebrar a danza elixiuse o 29 de abril, por ser o natalicio de Jean Georges Noverre, innovador e estudoso desta arte, mestre e creador do ballet moderno.

Compartir: