ALCALDÍA

O Ministerio de Fomento recupera o seu compromiso co acondicionamento da rotonda de Conxo

26/04/2017 O ministro de Fomento comprometeuse este mércores a executar o acondicionamento en superficie da rotonda de Conxo, na reunión que mantivo esta mañá en Madrid co alcalde de Santiago. A recuperación dese compromiso era un dos obxectivos de Martiño Noriega nesta xuntanza, na que tamén se abordaron outras actuacións importantes para Compostela.

O alcalde explicou que o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, recuperou "o compromiso que tiña adquirido a súa antecesora no cargo, Ana Pastor, que mesmo presentara un anteproxecto no barrio de Conxo". Martiño Noriega insistiu en que esta actuación é "menor no cuantitativo nos orzamentos do Ministerio, porque suporá un investimento de menos de 300.000 euros, pero moi importante no cualitativo e no simbólico". O rexedor sinalou que, agora, "o Goberno local terá que fiscalizar para que o Ministerio de Fomento cumpra a palabra dada á veciñanza de Conxo, un barrio que quedou dividido en dous polas grandes infraestruturas".

Outras infraestruturas
Outra das demandas que o alcalde de Santiago lle formulou ao ministro de Fomento ten que ver co enlace orbital da AP-9. Martiño Noriega solicitoulle a Íñigo de la Serna "un maior esforzo orzamentario para conseguir acelerar os prazos de execución desta infraestrutura, de forma que estea rematada antes do Ano Santo de 2021".

O rexedor tamén se mostrou satisfeito "co firme compromiso coa estación intermodal do Ministerio, que mantén a intención de licitar a plataforma peonil a finais de ano".

Compartir: