DEPORTE

As seleccións galega e arxentina de tenis de mesa disputarán un amigable en Santiago de Compostela

26/04/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, e o presidente de Arteal TM e vicepresidente da Federación Galega de Tenis de Mesa, José Alborés, deron a coñecer este mércores os detalles dos encontros amigables que a selección galega disputará coa arxentina.

Os partidos celebraranse este sábado 29 de abril, ás 16:30 e ás 18:30 horas, no Multiúsos Fontes do Sar. Cada un dos equipos elixiu a 6 xogadores (5 homes e unha muller) e 6 suplentes (3 homes e 3 mulleres). Os equipos estarán formados por 3 persoas e a dinámica de xogo será semellante á dos partidos celebrados na Copa de Nacións hai algunhas semanas e na que o primeiro equipo que logre 3 puntos gañará o partido.

Noa Morales destacou "a importancia que o tenis de mesa ten na nosa cidade e o peso do club Arteal, que ocupa os primeiros postos no ranking estatal". A maiores, a concelleira fixo unha mención especial a Raquel Bonilla, xogadora deste mesmo club que "é unha das seleccionadas para estes encontros e que non é unha cara nova, xa que tamén disputou un dos partidos que enfrontou á selección española coa suíza hai unhas semanas en Fontiñas".

Centro de tecnificación da raqueta
Na rolda de prensa, o presidente do Arteal volveu mostrar a súa satisfacción co compromiso do Concello co proxecto do centro de tecnificación dos deportes de raqueta. José Alborés adiantou que mañá manterá a primeira xuntanza coa secretaria xeral para o Deporte da Xunta, co obxectivo de solicitar fondos para a súa construción.

Alborés explicou que "o Arteal leva oito anos loitando para que este proxecto saia adiante", e agradeceu a boa vontade do Goberno compostelán para que por fin sexa unha realidade nun prazo dun ou dous anos.

Compartir: