PROMOCIÓN ECONÓMICA

Unha nova guía para os emprendedores composteláns

01/12/2006 O Concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, vén de presentar a "Guía do Emprendedor Compostelán". A guía configúrase como un instrumento imprescindible de cara a desenvolver un proxecto empresarial e materializalo nunha empresa. O seu obxectivo é dotar ao emprendedor local e aos empresarios do exterior que queiran asentarse en Compostela de toda a información e ferramentas necesarias para por en marcha e consolidar o seu negocio.

A "Guía do Emprendedor Compostelán" divídese en catro partes. O primeiro tomo, sobre aspectos xerais da empresa, recolle diferentes conceptos que as persoas con vocación empresarial deben coñecer antes de comezar os seus proxectos. O segundo tomo, sobre plans de empresa, é unha ferramenta imprescindible de análise, xestión e control dun negocio. Describe o concepto de negocio e contén todas as informacións e reflexións realizadas polos emprendedores durante o proceso de estudo do proxecto empresarial.

O tomo terceiro, dividido en dúas partes, ofrece unha ampla guía das axudas e subvencións públicas das distintas administracións para a posta en marcha da empresa e para a súa consolidación e mellora competitiva. O cuarto tomo recolle información fundamental en materia de contratación e seguridade social, coma o contrato de traballo e as súas modalidades, o réxime xeral e especiais do sistema da Seguridade Social e os distintos réximes de cotización.

O proxecto de elaborar unha guía do emprendedor que servise de orientación e ferramenta para os empresarios locais e do exterior que queren asentarse en Compostela naceu como complemento ao programa Compostela Activa, e foi nunha primeira versión elaborado por un grupo de persoas en prácticas no Concello baixo o Plan Labora.

Compostela Activa é un programa de promoción da cultura emprendedora posto en marcha pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego que dá respaldo ás ideas empresariais e aos proxectos de recente creación na área de Compostela. Baséase en tres piares básicos: o fomento da cultura emprendedora a través de iniciativas como a Primeira Xornada do Emprendedor Compostelán, a promoción de liñas empresariais innovadoras a través do Concurso de novas ideas empresariais e o respaldo ás empresas de recente creación cunha liña de axudas para empresas de menos de un ano vida.

Ampla difusión

A Guía do Emprendedor Compostelán difundirase entre o maior número posible de emprendedores mediante a colaboración de organizacións vinculadas có fomento do autoemprego.

Tamén se repartirá de forma gratuíta na Primeira Xornada do Emprendedor Compostelán, que se celebra o 12 de decembro no Pazo de Congresos. Os obxectivos da xornada son fomentar a filosofía do emprendedor entre os titulados universitarios e os estudantes de graos superiores e de FP e aglutinar as oportunidades dos emprendedores no mercado laboral compostelán. Os interesados en participar poden informarse e inscribirse nunha páxina habilitada na web maiscompostela.org, ou mandando a inscricción ao fax 981 557 707.

Compartir: