LINGUA

Últimos días para participar no certame "Enreguéifate"

25/04/2017 O vindeiro domingo, 30 de abril, concluirá o prazo para participar no certame de regueifas en vídeo Enreguéifate. Esta iniciativa, promovida polo Departamento Municipal de Lingua, enmárcase dentro dunha campaña desenvolvida polo Concello compostelán co obxecto de apoiar a difusión desta forma de improvisación oral tradicional e contribuír a través dela á promoción do uso da lingua galega.

A participación é de balde e concrétase enviando un vídeo (máximo 3 minutos) no que saian, cando menos, dúas persoas regueifando en lingua galega. Os vídeos poden subirse directamente á páxina de Facebook do proxecto ou enviarse ao correo da convocatoria (enregueifate@santiagodecompostela.gal). Nos dous casos hai que mandar complementariamente a ficha de inscrición, dispoñible no sitio web enregueifate.santiagodecompostela.gal, onde tamén se poden consultar as bases completas.

Unha vez rematado o prazo para participar, o xurado escollerá en cada categoría a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada. Ademais destes regueipremios especiais, todas as persoas e centros educativos que participen recibirán agasallos no día da entrega de premios, que terá lugar o vindeiro 12 de maio no Auditorio de Galicia, coincidindo co festival de presentación do proxecto Regueifesta.

Direccións relacionadas



Compartir: