ALCALDÍA E DEPORTE

A Quintana acolleu as actividades do Día da Educación Física na Rúa

25/04/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañado pola concelleira de Deporte, Noa Morales, asistiu ás actividades celebradas na praza da Quintana con motivo do Día da Educación Física na rúa. Máis de 800 estudantes participaron durante a mañá en coreografías grupais, adestramento persoal, exercicios hipopresivos, circuítos de cinco estacións, percusións corporais, rondos cubanos e hip hop.

As actividades estaban organizadas por un grupo de alumnos/as de 2º Ciclo Formativo de Grado Superior de Animación en Actividades Físicas e Deportivas (TAFAD) do IES Rosalía de Castro. Participaron alumnos e alumnas de varios grupos de sete centros de Compostela: Cluny, Pío XII, Xelmírez I, San Pelayo, Antón Fraguas, Raíña Fabiola e Alborada.

Habilitouse o cancelo #diadaeducacionfisicanarua2017 para a difusión de material e fotos coas actividades.

Unha hora máis
A celebración deste día con varias actividades ten unha compoñente reivindicativa. O Día da Educación Física na Rúa pretende ser unha forma de defender o deporte na escola, os hábitos de vida saudables e a reivindicación dunha hora lectiva máis desta materia nos colexios.

Compartir: