EDUCACIÓN

O Concello colabora co IES Rosalía de Castro na promoción do Bacharelato Internacional

01/12/2006 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, vén de asinar un convenio de colaboración co presidente do IES Rosalía de Castro, Ubaldo Rueda Soto, para apoiar o Bacharelato Internacional que está a promover o devandito instituto na cidade.

O Concello, co obxecto de propiciar e apoiar aquelas iniciativas que redunden na mellora das ofertas educativas dos cidadáns de Santiago, sobre todo dos máis novos, considera que é de interese apoiar ao IES Rosalía de Castro para o desenvolvemento do Bacharelato Internacional, que se está a ofertar neste centro desde o ano 1989. Con esta finalidade, a entidade municipal aportará unha cantidade de 13.042 euros para sufragar os custos que xera.

Esta modalidade de ensino foi creada hai trinta anos pola Organización do Bacharelato Internacional (OBI), unha fundación educativa privada non gobernamental, sen ánimo de lucro, recoñecida polo Consello de Europa. Ten a súa sede en Suíza e ofrece o Programa do Diploma para os estudantes dos dous últimos anos de educación secundaria. Conta co auspicio da Unesco e de importantes fundacións internacionais, ademais involucra aproximadamente a 1.000 colexios e institucións en máis de cen países.

O Bacharelato Internacional permite aos seus graduados cumprir cos requisitos de varios sistemas nacionais de educación, aínda que o modelo do seu programa de estudos non se basea no de ningún país en concreto, senón que integra os mellores elementos de moitos deles. Os obxectivos xerais do B.I. so os de formar estudantes cunha educación equilibrada, co fin de facilitar a súa mobilidade cultural e xeográfica e promover o entendemento internacional a través da participación nunha experiencia académica. A primeira promoción do B. I. do IES Rosalía de Castro comezou no curso escolar 89-90 e actualmente son 16 as promocións que saíron deste centro.

En virtude do convenio asinado, o IES Rosalía de Castro comprométese a promover e difundir este programa na cidade e a dar conta ao Concello das actividades que se levan a cabo no marco do Bacharelato Internacional.

Compartir: