XUNTA DE GOBERNO

Luz verde á continuación da senda verde das Brañas de Sar cara Conxo

21/04/2017 A Xunta de Goberno deu conta este veners da resolución do Servizo Galego de Saúde de concesión demanial a favor do Concello duns terreos da súa propiedade en Conxo. Trátase da medida necesaria para que se poida seguir desenvolvendo a senda verde das Brañas de Sar, cara a zona do Banquete de Conxo.

O secretario da Xunta de Goberno explicou que os terreos que cede o Sergas correspóndense cunha franxa de cinco metros, dende o punto das máximas crecidas ordinarias do río Sar. Xan Duro apuntou que as obras de acondicionamento da senda peonil realizarase a través dun obradoiro de emprego Ecotur Xuvenil, para o que o Concello achegará 50.000 euros para sufragar os custos de materiais de obra, mentres que a Consellería de Economía, Emprego e Industria afrontará os custos relativos ao persoal.

Subvencións
A Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe a solicitude de dúas subvencións á Xunta de Galicia. A primeira pídeselle á Consellería de Economía, Emprego e Industria, para cubrir a totalidade dos custos das accións formativas dirixidas a persoas desempregadas que se desenvolven nos centros Sanxuás de Aríns e no Cersia.

A segunda das axudas está dirixida á contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información e orientación laboral no exercicio de 2017. Neste caso solicítase unha achega de 25.000 euros para unha actividade que ten un custo total dalgo máis de 43.500 euros.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: