CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os centros socioculturais estrean un programa de roteiros guiados para "entender a nosa cidade"

21/04/2017 A concelleira Concha Fernández, que ten delegadas temporalmente as competencias de Centros Socioculturais, presentou hoxe un novo programa que se pon en marcha dende a rede "co obxectivo de que os propios composteláns coñezan mellor a súa cidade". Trátase dunha oferta de roteiros comentados e charlas sobre memoria e historia, que leva por nome Entendendo a cidade, e que se desenvolverá ata o mes de xuño. Na presentación tamén participaron o profesor Eduardo Sánchez Novais, que exercerá de guía nos percorridos, e Guadalupe Rodríguez, técnica do Departamento de Centros Socioculturais.

No marco do programa Entendendo a cidade ofreceranse sete roteiros distintos, que partirán dos centros socioculturais do Ensanche, Vite, Conxo, As Fontiñas e Santa Marta. Segundo explicou o guía, Eduardo Sánchez, os roteiros foron deseñados como "unha oportunidade para sacar a historia do ámbito estritamente educativo e achegala a todos os veciños e veciñas".

O primeiro dos roteiros guiados leva por lema "As orixes de Compostela", e pretende descubrir como era a cidade antes da aparición do sepulcro do Apóstolo, achegando os participantes aos lugares clave para coñecer o mito de Santiago. O segundo dos itinerarios, "Compostela nos tempos de Xelmírez", dará a coñecer este persoeiro e tamén cal era a configuración da cidade na Idade Media. En canto á terceira ruta, "Rocha Forte, a guarida do arcebispo", explicará cal foi a importancia do Castelo da Rocha para Santiago ou quen o destruíu.

Outro dos roteiros ofertados é o denominado "Santiago: de vila a metrópole, o crecemento da cidade no século XIX". Neste caso trátase de descubrir como era Compostela no antigo réxime, e como se foi transformando nunha urbe moderna. Tamén están previstas unha ruta sobre "A chegada do tren a Compostela", e outra que mira a cidade como un "Laboratorio da historia da arte", no que se pode gozar da obra de grades escultores como o Mestre Mateo, Domingo de Andrade ou Simón Rodríguez. Ao tempo, a visita permitirá descubrir os diferentes estilos artísticos que afloraron na cidade desde os inicios da Idade Media ata o século XX. Por último, a oferta de visitas guiadas complétase cunha "Ruta polas paisaxes urbanas de Santiago", que xunta natureza, historia, arte, cultura popular e territorio.

As rutas desenvolveranse os luns, martes e xoves, desde o próximo luns 24 de abril ata o 27 de xuño, en horario de 18:00 a 20:00 horas. As inscricións pódense facer de maneira presencial ou telefónica, nos centros socioculturais do Ensanche, Vite, Conxo, Fontiñas e Santa Marta.

Memoria e historia
Dentro do programa Entendendo a cidade tamén se ofertan charlas didácticas coas que se pretende pecorrer a historia de Galicia e de Santiago. Serán nove encontros, os mércores desde o 26 de abril e o 28 de xuño no Centro Sociocultural do Ensanche. Neles abordaranse temas como as culturas prehistóricas, a romanización de Galicia ou a revolta irmandiña.

A participación nas charlas é de balde, pero é preciso inscribirse previamente no propio centro sociocultural ou a través do teléfono 981 543 001.

Compartir: