XUNTA DE GOBERNO

O Goberno saca a concurso público unha parcela do SUNP-4 do Camiño Francés

19/04/2017 A Xunta de Goberno vén de acordar a convocatoria dun concurso público con procedemento aberto para o alleamento da parcela número 4 do proxecto de compensación do SUNP-4 do Camiño Francés. O prezo de venda será de 954.573,19 euros, IVE incluído. O prazo para a presentación de ofertas será de 45 días naturais, a partir da publicación do prego no BOP e no DOG.

Tal e como establece a Lei do Solo de Galicia, os ingresos derivados desta venda poderán destinarse á construción de vivendas suxeitas a algún réxime de protección pública, a actuacións públicas de interese social e vinculadas á propia planificación e xestión urbanística, e a actuacións de conservación e mellora do medio ambiente e do patrimonio. Pola contra, non poderán destinarse ao financiamento de gastos correntes.

Obras no Estadio de San Lázaro
A Xunta de Goberno tamén vén de adxudicar as obras das Fases I e II da actuación de aplicación de medidas correctoras para o Estadio Municipal de San Lázaro Os traballos correrán a cargo da empresa Construcciones Taboada y Ramos SL, e suporán un investimento de 402.358 euros, máis IVE de 84.495,18 euros.

As obras das Fases I e II inclúen medidas dirixidas a reparar as deficiencias construtivas do estadio municipal. Así, repararanse os desprendementos e a corrosión que sofren algúns elementos das instalacións e actuarase sobre as humidades.

Compartir: