FACENDA

O Concello continúa apostando pola transparencia coa publicación de todos os pagos realizados

19/04/2017 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, presentou este mércores un novo aplicativo dispoñible no portal orzamentoaberto.santiagodecompostela.gal, que "nos permite seguir avanzando na transparencia e na publicación de datos".

A nova pestana leva por nome "Pagos e investimentos" e nela aparecen todas as facturas emitidas polo Concello de Santiago no período 2013-2015. María Rozas destacou que "con esta sección seguimos avanzando para dar cumplimento á Ordenanza de Transparencia, que foi aprobada o ano pasado e que vai incluso máis alá do que nos marca a lei estatal. Nesta ordenanza autoesixímonos unha serie de ítems en publicidade activa (é dicir, a información que emitimos proactivamente) que con esta nova sección suporía o 100% de cumprimento no eido económico-financeiro".

De feito, a publicación de datos vai incluso máis alá que a propia ordenanza, xa que na normativa local só se obriga á publicación daqueles pagamentos que sexan superiores a 500 euros, mentres que neste portal se publican o 100% das facturas. "Fíxose un gran traballo en transparencia no campo financiero -avanzou María Rozas- co obxectivo de mellorar a puntuación internacional". No último estudo, Transparencia Internacional puntuaba cun 36,4 sobre 100 ao Concello de Santiago en transparencia económica, puntuación que só subía aos 64 puntos sobre 100 tendo en conta todos os parámetros.

Información detallada
O portal permite realizar busca por áreas, por provedores ou por descrición, filtrando igualmente os anos nos que se quere obter información. Ademais, pode facerse unha desagregación por área ou por principais provedores. Tamén está incluída a información dos gastos efectuados polos cargos electos ou polo persoal laboral do Concello, aínda que neste último caso cunha anonimización previa dos datos.

Os pagamentos incorporados neste portal non só poden consultars,e senón que tamén se poden descargar en varios formatos para traballar con eles.

Compartir: