EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Escolares de Santiago seguen a participar en itinerarios didácticos pola cidade

18/04/2017 Un total de 52 escolares de 2º de Educación Primaria do CEIP Lamas de Abade participarán mañá mércores 19 de abril, ás 11:30 horas, nun itinerario didáctico polo Centro Histórico de Santiago. Esta visita forma parte do programa Vivir Santiago, que desenvolve a Concellaría de Educación e Cidadanía.

Con saída dende a praza de Cervantes, o percorrido continuará polas diferentes rúas e prazas, como a rúa Nova, a praza do Toural, Mazarelos, a rúa do Castro, a Quintana e Praterías, para rematar na praza do Obradoiro. A petición do propio centro educativo, que está levando a cabo neste curso escolar un proxecto que leva por título Santiago Medieval, con diferentes temáticas en función dos niveis educativos, elaborouse un calendario específico de visitas didácticas nas que participarán preto 350 escolares.

O xoves 20 participarán escolares do CEIP Rodríguez Xixirei, en dúas sesións: a primeira delas, ás 10:00 horas, cos nenos e nenas de 3º e 4º de Educación Primaria e, ás 12:00 horas, cos de 5º e 6º. O itinerario comezará na escultura das Marías.

Dende a posta en marcha do programa Vivir Santiago neste curso escolar, máis de 1.650 escolares xa participaron nas diferentes visitas a lugares como: a Casa do Concello, o Parque de Bombeiros, o Centro Histórico, o Parque da Alameda, o Cemiterio de Boisaca, a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) ou a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP). Os nenos e nenas pertencían aos CEIPs Fontiñas, Monte dos Postes, Ramón Cabanillas, Raíña Fabiola, López Ferreiro, Roxos-Villestro, Lamas de Abade e Pío XII; aos IES Lamas de Abade e Fontiñas; e a aos colexios Nosa Señora dos Remedios, Cluny, San Paio e Seminario Menor.

Vivir Santiago
O Programa de Utilización Didáctica da Cidade Vivir Santiago comprende un conxunto de recursos a disposición da escola, como resultado do traballo e da colaboración de profesionais diversos, colectivos, institucións e empresas. Inclúe diferentes accións educativas arredor do patrimonio urbano para que a cidadanía e, máis concretamente as comunidades educativas, dispoñan dun caixón de recursos que conteña propostas, exemplos, ideas e incluso protocolos cos que realizar acción educativas nas que o marco sexa o patrimonio da cidade, non só o construído, senón tamén o inmaterial.

Compartir: