CONSORCIO

O pianista francés Eric Le Sage tocará esta semana coa Real Filharmonía de Galicia

17/04/2017 A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá dous concertos esta semana. O primeiro terá lugar o xoves 20 en Santiago, ás 20:30 horas, na súa sede, o Auditorio de Galicia. E o venres, a agrupación desprazarase a Ferrol, onde tocará no Auditorio Municipal da cidade, tamén ás 20:30 horas. En ambas as actuacións levará a batuta o mestre parisino Fabien Gabel.

Os concertos comezarán coa obertura Ruy Blas, do compositor romántico alemán Felix Mendelssohn (1809-1847). Baseada no drama homónimo de Victor Hugo, Mendelssohn escribiuna en tan só tres días.

A continuación, o público terá a oportunidade de escoutar o Concerto para piano en la menor do alemán Robert Schumann (1810-1856), obra considerada como unha das columnas básicas do repertorio para piano e orquestra. Estreouse en Leipzig en 1846, tendo á esposa do compositor, Clara, como extraordinaria solista, que logo la tocaría nas salas de concerto de toda Europa.

É unha partitura de especial dificultade para o solista, posto que require musicalidade, estilo e unha especial sensibilidade. Nesta ocasión, a obra será interpretada polo músico francés Eric Le Sage, recoñecido como un dos grandes pianistas da súa xeración e un afamado representante da Escola Francesa de piano. Caracterízase polo seu ton sutil e o seu fraseo poético. Cando tan só contaba con 20 anos de idade, o Financial Times describiuno como "un discípulo extremadamente cultivado da gran tradición francesa do piano de Schumann".

No ano 2010, Le Sage alcanzou o éxito cun proxecto que levaba preparando durante moito tempo: a gravación das obras completas para piano de Robert Schumann. A raíz disto foi invitado a actuar nas principais salas de concertos de todo o mundo e a tocar coas mellores orquestras. Os críticos eloxiáronas coma un referente na historia das gravacións de Schumann. O pianista foi galardoado nos certames internacionais para piano de maior renome.

Os concertos de Santiago e Ferrol concluirán coa Sinfonía nº 4 "Deliciae Basiliensis", do compositor suízo Arthur Honegger (1892-1955), composta para celebrar o aniversario da fundación da Orquestra de Cámara de Basilea. Tal como se mostra no título, trátase dunha obra de carácter alegre, única dentro da produción sinfónica de Honegger.

A batuta de Fabien Gabel
Ambos os concertos dirixiraos o mestre parisino Fabien Gabel, recoñecido internacionalmente entre a nova xeración de directores. É un invitado habitual das grandes orquestras de Europa, América do Norte e Asia. Foi director musical da Orquestra Sinfónica de Quebec.

Atraeu por primeira vez a atención internacional en 2004 ao gañar o concurso Donatella Flick en Londres, o que o levou ao seu nomeamento como director asistente da Orquestra Sinfónica de Londres durante varias temporada. Debutou profesionalmente como director en 2003 coa Orquestra Nacional de Francia, á que dirixe con frecuencia.

Nado en París no seo dunha familia de músicos, Fabien Gabel comezou a estudar trompeta aos seis anos de idade, perfeccionándose no Conservatorio Nacional Superior de Música de París, que lle outorgou o Primeiro Premio de Trompeta en 1996. Continuou a súa formación na Universidade de Música de Karlsruhe (Alemania). Empezou tocando en varias orquestras parisinas e no ano 2002 decidiu iniciarse na dirección, estudando con grandes mestres.

Compartir: