ALCALDÍA

Santiago e Padrón reforzan os seus lazos na Pascua

17/04/2017 Hoxe celebrouse o Día de Santiago en Padrón, como é tradición cada luns de Pascua. O alcalde, Martiño Noriega, encabezou a delegación municipal que se desprazou á vila veciña para celebrar unha xornada que serve para reforzar os lazos de irmandade entre Compostela e Padrón.

Como vén sendo tradición, a delegación compostelá foi recibida na Casa do Concello padronés e, tras o intercambio de bastóns de mando e pendóns, os dous alcaldes pronunciaron unhas palabras no salón de plenos. Martiño Noriega lembrou a unión histórica entre as dúas vilas, a través do Camiño Portugués, da creación literaria ou do patrimonio cultural. O rexedor compostelán tamén apostou por seguir impulsando proxectos conxuntos. No mesmo sentido expresouse o alcalde padronés, Antonio Fernández Angueira.

Tras os dous discursos, as dúas corporacións saíron aos balcóns da Casa do Concello para escoitar a interpretación do Himno de Galicia e as actuacións das bandas municipais de Santiago e de Padrón na praza de Macías.

A celebración do Día de Santiago en Padrón no luns de Pascua é unha cita tradicional na que as dúas vilas reforzan a súa irmandade, como fan despois no Día de Padrón en Santiago, nas festas do Apóstolo.

Compartir: