MEDIO AMBIENTE

Máis de 2.700 persoas visitaron o Centro de Interpretación Ambiental ao longo de 2016

12/04/2017 O Centro de Interpretación Ambiental de Compostela, situado en Belvís, recibiu o ano pasado a visita de 2.719 persoas, das que 1.191 formaban parte de visitas escolares. Así se recolle na memoria anual do CIAC, que en 2016 retomou a actividade despois dun ano de parón. O ano pasado, o centro mantivo unha oferta constante, con obradoiros mensuais, roteiros, visitas guiadas e todo tipo de talleres en colaboración con outras entidades e colectivos. Os meses con máis visitas foron xuño e abril, e os de menor actividade foron xaneiro e febreiro.

Ao longo de 2016, no Centro de Interpretación Ambiental de Belvís realizáronse obradoiros mensuais de temática relacionada coa ecoloxía urbana, como fabricación de xoguetes con materiais de refugallo, xeocoaching medioambiental, ou cosmética natural.

Tamén se mantiveron os roteiros mensuais, os últimos sábados de cada mes. As dúas opcións que se ofertaron dende o CIAC foron visitas ao propio parque de Belvís e ás Brañas de Sar.

Ademais, desenvolvéronse actividades divulgativas de carácter puntual, coma o ciclo de cinema ambiental de febreiro, a xornada de divulgación ambiental "Con Bota e Bata", as actividades relacionadas co Día Internacional dos Bosques ou as charlas sobre as avespas velutinas.

En colaboración con outras entidades, no Centro de Interpretación Ambiental de Belvís celebrouse ao longo do último ano un mercado en colaboración co Refuxio de Animais de Bando, un Cineforum organizado pola Asociación de Veciños de Sar ou obradoiros organizados por Illa Bufarda.

Visitas guiadas
Aínda que as de escolares son as máis numerosas, ao longo do último ano rexistráronse moitas visitas guiadas ao Centro de Interpretación Ambiental de Belvís. Polas instalacións pasaron colectivos como a Asociación de Altas Capacidades de Galicia, o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación, as persoas usuarias do Centro Sociocultural de Conxo ou a Asociación SENES de Desenvolvemento Comunitario.

En canto aos centros educativos, en 2016 realizáronse un total de 17 actividades distintas con colexios, entre visitas guiadas e roteiros. Nelas participaron fundamentalmente centros de Santiago, pero tamén de concellos próximos como o de Touro.

Compartir: