CONSORCIO

O Consorcio saca a concurso a limpeza e a restauración do balcón do claustro do convento do Carme

12/04/2017 A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago acaba de sacar a concurso a obra de limpeza e restauración do balcón do claustro do convento do Carme, situado na rúa de Santa Clara, por un orzamento global de 47.333,20 euros. As empresas interesadas deberán presentar as súas propostas ata o vindeiro 8 de maio.

A arquitecta do Consorcio que coordina este proxecto é Lourdes Pérez. Explica que o claustro do convento do Carme data de mediados do século XVIII. "Posúe unha balconada corrida no seu perímetro orixinal e seguindo os parámetros estilísticos da orde carmelita. Componse dunha estrutura de forxa e ferro, unha varanda perimetral tamén de forxa e o lousado de pedra granítica", sinala.

Segundo a arquitecta, o conxunto presenta un avanzado estado de deterioro na súa estrutura portante, moi oxidada debido á acción dos axentes climatolóxicos, en particular a humidade e a chuvia. A auga da chuvia deposítase na superficie horizontal de pedra e fíltrase, afectando á estrutura metálica que a sustenta. Así, o proceso de restauración do conxunto da balconada busca corrixir as deficiencias atopadas de cara a eliminar o risco de caída do lousado e mesmo das persoas.

Intervención
Restauraranse os elementos de forxa e substituiranse os compoñentes de aceiro en mal estado de conservación. Para isto será necesario levantar o pavimento de pedra, que logo se recolocará na mesma posición. E aplicarase un tratamento superficial impermeable e transpirable no lousado, co fin de impedir a filtración da auga da chuvia cara á estrutura horizontal na que se apoia e así evitar a súa deterioración.

Por outra parte, a estrutura de forxa e aceiro e a varanda desmontaranse para trasladar os distintos elementos ao taller encargado da súa restauración.

O Consorcio de Santiago realizou tres intervencións anteriores no conxunto do convento do Carme, destinadas á renovación da súa cuberta.

Compartir: