EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Case 70 escolares participan no Programa de Conciliación de Semana Santa

10/04/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, visitou esta mañá o CEIP das Fontiñas, un dos centros que, xunto co Raíña Fabiola, acolle o Programa de Conciliación de Semana Santa.

En total, explicou o concelleiro, "son case 70 os nenos e nenas anotados para este programa de conciliación, dos cales 36 participan tamén do servizo de comedor escolar". Ademais das actividades de lecer programadas, o programa inclúe servizo de madrugadores que funciona de 7:45 a 9:00 horas con ou sen almorzo. De 9:00 a 14:00 horas realízanse os obradoiros e actividades. Finalmente, entre as 14:00 e as 16:00 horas, existe a posibilidade de solicitar o uso do servizo de comedor.

Este programa concíbese como un espazo educativo e promoción do lecer, ademais de ser unha alternativa de conciliación para as familias no tempo de vacacións da Semana Santa. Está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

Un mundo de cor
"Un mundo de cor" é o lema das actividades que se desenvolverán os catro días de programa aproveitando a chegada da primavera. Os nenos e nenas realizarán debuxos e actividades plásticas traballando ademais a figura de Frida Khalo. Inclúense tamén excursións e saídas para coñecer os recunchos de Compostela e entre as que se levarán a cabo destaca a visita ao Centro de Interpretación de Parques e Xardíns de Belvís o martes 11 de abril.

Actividades de todo tipo
O Programa de Conciliación de Semana Santa vén a completar outras actividades que programa o Concello de Santiago para este período festivo. Entre elas destaca o ciclo De lugares e órganos, con concertos e visitas guiadas polo patrimonio organístico da cidade, ou Santiago, paixón doce que se concibe como unha actividade de fomento da gastronomía da Semana Santa polos restaurantes de Compostela.

Compartir: