MERCADOS

O Consello de Administración de Mercagalicia acorda denunciar ao ex xerente da sociedade mercantil

07/04/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, anunciou este venres que o Consello de Administración da sociedade mercantil Mercagalicia, participada polo Concello de Santiago, decidiu por unanimidade presentar unha denuncia contra o ex xerente da mesma, Joaquín Macho.

Segundo a concelleira, "hai indicios de irregularidade na xestión de Macho que puidemos comprobar na auditoría encargada con posterioridade a que o Consello de Administración acordara o seu cese en decembro de 2016". Nesa auditoría comprobáronse os últimos catro exercicios, que son os que non prescriben, aínda que o ex xerente de Mercagalicia estivo no seu posto cun contrato de alta dirección dende o 25 de febreiro de 1997. Por ese motivo encargarase unha auditoría máis completa coa chegada da nova dirección.

A concelleira explicou ante os medios que a parte pública de Mercagalicia, formada por membros da Corporación compostelá, mantivo unha posición unitaria en relación a este asunto, entendendo que era prioritario poñer a disposición xudicial os resultados da auditoría co fin de depurar responsabilidades.

Responsabilidades penais
O auditor indica varias cuestións que poden supoñer dous ilícitos penais de administración desleal e apropiación indebida por parte do ex xerente. Extráese do informe que Joaquín Macho tiña tomado anticipos de crédito e mantiña un préstamo pola Sociedade, circunstancias que ocultou ao Consello de Administración.

O auditor pon tamén de manifesto o suposto anormal número de facturas de reparacións levadas a cabo durante estes catro exercicios, a duplicidade existente nalgunhas das mesmas e o excesivo custo dalgunhas para o traballo realizado. Obsérvase ademais que o ex xerente emitía supostamente facturas que non correspondían con efectivas prestacións de servizos, facturas a nome de empresas inactivas dende mediados dos anos 90 (algunhas da súa titularidade) ou facturas por servizos que non tiñan que ver coa actividade da sociedade.

Finalmente, da auditoría tamén se extrae que o ex xerente cedeu presuntamente en precario, sen coñecemento da sociedade, o alugueiro de 13 locais. Por todas estas cuestións o Consello de Administración acorda denunciar a Joaquín Macho ante o xulgado de instrución de Compostela.

Compartir: