ALCALDÍA

O Concello de Santiago súmase á celebración do Día do Pobo Xitano

07/04/2017 O alcalde presidiu esta mañá o acto de celebración do Día Internacional do Pobo Xitano, que se conmemora mañá, 9 de abril. Martiño Noriega encargouse de darlle lectura ao manifesto redactado polo escritor Manuel Rivas, no que se lembra "a historia dun pobo aldraxado, perseguido case sen descanso, sen poder tomar folgos, ás veces ata o límite (…) como ocorreu no Holocausto nazi".

O manifesto con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano avoga por aproveitar o 8 de abril para "limpar as miradas de prexuízos, para que os dereitos recoñecidos ao pobo xitano poidan ser exercidos". O texto sinala que "é un bo día para comprometerse a superar os atrancos á educación, para que se deixe de falar de chabolismo en España e cada familia xitana teña un fogar e unha vivenda digna, e para incrementar a formación dos traballadores e traballadoras xitanas e poñer fin á discriminación no emprego".

Recoñecemento ao himno e á bandeira xitana
O Día Internacional do Pobo Xitano lembra o primeiro Congreso Mundial Xitano celebrado en Londres o 8 de abril de 1971, no que se instituíron a bandeira e o himno xitanos. Non obstante, ningún dos dous elementos foi recoñecido en España ata este ano, grazas a unha proposición non de lei aprobada no Congreso dos Deputados no pasado mes de marzo. Así o destacou durante o acto Eva Vera, da Fundación Secretariado Xitano, que lle pediu ás administracións que "fagan un maior esforzo para que todas as persoas teñan os mesmos dereitos".

O acto celebrado no Pazo de Raxoi foi unha homenaxe tanto á bandeira como ao himno. A X da Fundación Secretariado Xitano X encargouse de explicar o significado da bandeira, "que a través da roda dun carro simboliza a libración do pobo xitano e o feito de ter sido unha comunidade itinerante". Pola súa parte, o actor Paco Luna deulle lectura á letra do himno xitano, que tamén fai referencia a esa condición de pobo itinerante dende o seu comezo coas palabras "Gelem, Gelem…" que significa "Andei, andei…".

O acto, no que interviñeron mulleres xitanas expresando as súas reivindicacións, pechouse escoitando o himno xitano.

Documentos relacionados



Compartir: