TURISMO

O Concello agarda que a Semana Santa de Santiago sexa Festa de Interese Turístico de Galicia no 2018

06/04/2017 A concelleira de Turismo, Marta Lois, presentou o expediente que nos vindeiros días se elevará á Xunta de Galicia para obter o recoñecemento da Semana Santa como Festa de Interese Turístico de Galicia. A concelleira estivo acompañada por Jorge García, presidente da Xunta de Confrarías de Santiago, entidade que colaborou con Turismo de Santiago na elaboración do informe. Tamén estivo acompañada pola presidenta da Asociación Hostalería Compostela, Sara Santos, coa que Turismo de Santiago organiza a segunda edición de Santiago Paixón Doce.

Marta Lois destacou que a solicitude da Declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, en colaboración coa Xunta de Confrarías, así como a organización da segunda edición de Santiago Paixón Doce, en colaboración coa Asociación Hostalería Compostela, a organización do evento De Lugares e Órganos, e toda a difusión que se está facendo da programación da Semana Santa a través de diversas ferramentas, como unha páxina web propia, un folleto específico ou a inclusión na revista municipal Compostelánea, amosan o compromiso do Concello de Santiago coa promoción da Semana Santa como punto de partida da temporada alta turística na cidade.

Catro séculos de historia
O Consello da Xunta de Galicia é quen ten a competencia para outorgar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, logo da instrución dun expediente que ten que ser elaborado pola Axencia Turismo de Galicia. A Semana Santa de Santiago é unha festa cunha antigüidade contrastada, que pon en valor a cultura e as tradicións populares e conta cunha especial importancia como atractivo turístico, polo que dende o Concello de Santiago considérase que a Semana Santa da cidade cumpre coas condicións para obter a declaración.

Os eventos relixiosos que se enmarcan dentro da Semana Santa de Santiago celébranse dende hai máis de 400 anos, con algunhas pequenas interrupcións por diversos motivos. As trece confrarías que participan na Semana Santa de Santiago de Compostela teñen un número de confrades superior ás 5.000 persoas, o que dá conta do arraigamento popular desta tradición na cidade.

Estímase que a asistencia media de público nos últimos anos ás procesións da Semana Santa foi dunhas 60.000 persoas, distribuídas entre unha media de quince procesións. Así, en cada procesión estímase unha asistencia de 4.000 persoas aproximadamente, repartidas ao longo das rúas e prazas que percorre cada unha delas.

Santiago Paixón Doce
A segunda edición de Santiago Paixón Doce, que se celebrará do 7 ao 17 de abril, contará con 29 locais participantes, nove máis que o ano pasado, que incluirán nas súas cartas produtos e preparacións doces tradicionais da Semana Santa, como torrixas, leite fritida, bolos de vento, rosquillas, melindres, rosca, chocolates "de paixón", tortas ou doces conventuais. Os doces típicos poderán tomarse como sobremesa, tras as comidas ou ceas, ou incluso na propia barra dos restaurantes e cafeterías, sen ter que pedir un menú. Nesta segunda edición tamén se abriu a participación a outro tipo de locais como confeiterías, panaderías ou reposterías.

Os estabelecementos participantes son: Bicoca, Metate, O Celme do Caracol, Los Caracoles, Cre-Cotte, Casino, Cervantes, Airiños Aires, Enxa, Rey, Stollen, A Charca, Góndola, Góndola II, A Grella, Herma Pastelería, La Alacena de Cris, Farggi, Don Quijote, Pastelería Ébano, Pan da Moa, A Curtiduría, Reno e Taberna de Montes.

Santiago Paixón Doce está organizado conxuntamente por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela. O obxectivo do evento é triplo: dinamizar o consumo nos locais de Santiago durante a Semana Santa, consolidar a cidade como destino turístico gastronómico apoiándose nos produtos propios e elaboracións típicas de tempada, e poñer en valor a tradición larpeira da cidade máis aló da Tarta de Santiago. Na edición do ano pasado, concibida como un programa piloto, participaron 20 establecementos, que serviron máis de 1.300 doces.

4.000 uñas de San Lázaro
Nas pasadas festas das Uñas de San Lázaro consumíronse 4.000 racións deste prato tradicional, segundo as estimacións feitas dende a Asociacións Hostalería Compostela e Turismo de Santiago. Trátase do primeiro ano no que se fai unha estimación oficial do consumo, que apunta a importancia que ten esta festa para o barrio de San Lázaro en particular e para a cidade en xeral.

Neste ano, por primeira vez, os establecementos nos que se puido degustar este prato típico contaron cun distintivo propio, deseñado a partires da colaboración entre Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela para promocionar esta festividade, unha das máis antigas de Galicia.

As uñas de San Lázaro puideron tomarse en 23 locais, tres máis que o ano pasado. A maior parte dos establecementos atopábanse no propio barrio de San Lázaro, onde se celebra a Festa. Pero tamén participaron restaurantes doutros barrios da cidade que quixeron sumarse á iniciativa.

Direccións relacionadas



Compartir: