TURISMO

O Tribunal Administrativo Central rexeita o recurso interposto por unha empresa sobre o tren turístico

05/04/2017 O Tribunal Administrativo Central vén de comunicarlle ao Concello que desestima o recurso interposto por unha empresa contra o anuncio e os pregos do contrato de servizo de explotación do tren turístico urbano, aprobados o pasado 5 de xaneiro.

O Tribunal acorda levantar a suspensión do procedemento para a adxudicación do tren turístico, de tal xeito que o seguinte paso será a convocatoria da mesa de contratación.

Cómpre lembrar que nos pregos se introduciu unha mellora no proceso administrativo de concesión, xa que a adxudicación se resolverá por fórmulas ou criterios cuantificables, evitando así os informes de valoración de criterios cualitativos, non medibles. Así, o proceso de adxudicación terá maior transparencia.

Melloras no prego
Ata o momento, o tren turístico contaba cunha única ruta circular que partía e chegaba á praza do Obradoiro, cun percorrido duns 50 minutos que bordeaba o Casco Histórico. No ano 2016, arredor de 100.000 persoas empregaron este servizo para coñecer a cidade, unha cifra que amosa a súa importancia como ferramenta para xestionar os fluxos turísticos en Compostela.

O novo servizo do Tren Turístico de Santiago introducirá dúas melloras relevantes co obxectivo de modular os fluxos turísticos, promocionando novos lugares que visitar, ademais do Casco Histórico. Unha mellora será a creación dunha nova ruta e a outra será a posibilidade de subir e baixar en diferentes puntos da cidade.

A nova ruta do Tren Turístico, que se chamará Compostela Viva, percorrerá os espazos verdes e novas arquitecturas da cidade. A ruta pasará polo Bosque de Galicia, a Colexiata de Sar e os grandes parques da cidade, como o Eugenio Granell, Brañas de Sar, Carlomagno, Alameda, Parque da Música, Belvís…

O obxectivo desta segunda ruta é que os turistas e visitantes poidan coñecer outras partes da cidade máis alá do Casco Histórico. Precisamente, para facilitar o seu desprazamento, esta ruta permitirá que as persoas usuarias podan subir e baixar en diferentes paradas prefixadas ao longo da cidade. Na ruta do Casco Histórico habilitarase tamén unha parada para subir e baixar no barrio de San Pedro.

Compartir: