DEPORTE

A campaña "Sen respecto non hai xogo" chegou a Compostela

05/04/2017 O Concello de Santiago prestou o seu apoio á charla educativa celebrada este mércores no Auditorio Abanca dentro da campaña "Sen respecto non hai xogo", promovida pola Cadena Ser. O obxectivo destas sesións para escolares é a erradicación do racismo, da violencia e da discriminación no fútbol e no deporte en xeral.

"Sen respecto non hai xogo" é unha iniciativa inspirada no espírito do informe "Colour? What colour?" da Unesco, coa que se pretende chegar a un total de 10.000 alumnos entre os meses de marzo, abril e maio. Os valores de solidariedade, respecto, dignidade igualitaria e tolerancia son a base da loita contra a lacra do racismo e contra todas as formas de discriminación no fútbol. A educación debe ser a base para inculcar todos estes valores e formar persoas tolerantes e respectuosas; as persoas non nacen racistas, vólvense racistas; non nacen intolerantes, vólvense intolerantes.

Para axudar a erradicar dende a base da educación a discriminación, a violencia e o racismo no fútbol, a campaña "Sen respecto non hai xogo" e as súas charlas educativas polos colexios de España chegou este mércores a Santiago. A actividade promove entre os máis novos os valores e principios básicos do fair play no deporte, favorece a asimilación da información, invita á reflexión e permite a súa participación. Estas charlas, dirixidas a nenos e nenas de entre 10 e 12 anos, son impartidas por profesores e periodistas da SER e contan co apoio do Concello de Santiago, das institucións e dos clubs de fútbol e baloncesto locais.

Compartir: