FACENDA

Reunión coa Xerencia do Catastro e FERUSA para resolver dúbidas sobre a regularización catastral

05/04/2017 Os concelleiros de Facenda e de Medio Rural, María Rozas e Rafael Peña, mantiveron unha xuntanza este mércores con representantes da Dirección Xeral do Catastro e de FERUSA, para resolver dúbidas en relación ao proceso de regularización catastral.

A reunión foi solicitada pola Concellaría de Facenda despois de observar que existían moitas dúbidas e queixas en relación ao proceso posto en marcha polo Ministerio de Facenda. Estas dúbidas fóronlle trasladadas ao Goberno durante o encontro Ao Vivo co rural norte do pasado 25 de marzo, e tamén nas xuntanzas que están a manter os concelleiros María Rozas e Rafael Peña en todas as parroquias de Compostela.

Flexibilidade
O Concello pediulle a Catastro que ofrecese facilidades na presentación de alegacións por parte da veciñanza, tanto no prazo para facelo como nos medios de proba. Dese xeito, comprometéronse a aceptalas aínda que non veñan acompañadas dun informe xurídico ou pericial sempre e cando se vexa que existe un erro de medición por parte da oficina do Catastro.

María Rozas explicou que "nestas xuntanzas mantidas con todas as parroquias de Compostela estamos a notar que hai moitos erros". Como consecuencia do gran número de alegacións, resaltou a concelleira, é importante que exista flexibilidade por parte do Ministerio de Facenda á hora de permitir presentalas e valoralas.

Oficina de información
Ademais, o Concello reiterou o seu compromiso de situarse "a carón da veciñanza", ofrecendo toda a información posible e servindo como intermediario no proceso de presentación de alegacións. Por iso, lembrou a concelleira, segue a disposición do público a Oficina de atención especializada en Galeras, cuxo horario de atención ao público é de 08:45 a 14:00 horas na rúa Presidente Salvador Allende, 4 - baixo.

A veciñanza de Compostela ten dúas formas de pedir cita previa para acudir á Oficina, ben mediante o teléfono 881 599 977, en horario ininterrompido de 8:00 a 20:00 horas, ou ben a través da web municipal, dentro do epígrafe Transparencia/Relacións coa cidadanía/Contacto co Concello/Cita previa, seleccionando a opción "Catastro".

Compartir: