FACENDA

O Goberno municipal destina 1,5 millóns de euros aos orzamentos participativos de 2018, un 36% máis que este ano

05/04/2017 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, deu conta esta mañá do inicio do proceso de orzamentos participativos para 2018 que incorporan novidades respecto ao ano pasado e ao piloto de 2016.

María Rozas destacou a aposta do Concello por este tipo de modelos de participación directa "despois da experiencia piloto na área de Mocidade durante o 2016 e a primeira experiencia da historia do Concello de Santiago en orzamentos participativos no 2017. Por iso", engadiu, "decidimos continuar apostando para o 2018 por esta fórmula incorporando as suxestións das persoas que participaron nos procesos anteriores".

A contía destinada este ano sube dos 1,1 millóns de euros dedicados no 2017 aos 1,5 millóns de euros, o que supón un incremento de 400.000 euros en relación ao ano pasado. Desa consignación cómpre diferenciar o tipo de gasto que se establece, de tal xeito que se destinarán 1,3 millóns de euros a investimentos (un 30% máis que no 2017) e 200.000 euros a actividades (o dobre). Mantéñense os 100.000 euros para os orzamentos participativos de Mocidade e incorpórase unha partida nova doutros 100.000 para as festas do Apóstolo de 2018.

Rural, urbana norte e sur
Para este proceso continúase coa división do Concello por zonas, "áreas que foron definidas tras un proceso participativo no 2016 e serán rotatorias de aquí a final de mandato". O ano pasado realizáranse os orzamentos participativos na zona urbana nordeste e sueste, no rural e no conxunto da cidade.

Para este 2018 pásase de catro a cinco áreas, desdobrando o rural en norte e sur, tal e como pediu a veciñanza no proceso do ano pasado. "Entendemos -afirmou María Rozas- que tal e como estaba configurada era unha área moi ampla, non só na súa extensión senón nas diferentes necesidades que ten". O rural compostelán é o único que participa todo o mandato como "forma de compensar os anos de abandono que sufriu e para ir acadando pouco a pouco ese reequilibrio territorial do que tanto falamos". Así, no rural, a partida pasa dos 275.000 euros do ano pasado aos 450.000 (un 63% máis) divididos en dous: 225.000 para o rural norte e 225.000 para o rural sur.

Ademais, Rozas destacou que esta decisión de incrementar no rural "é unha forma de premiar aos veciños e veciñas das parroquias, xa que o ano pasado detectamos que foi alí onde máis participación houbo e foi tamén de onde saíron as propostas de máis orzamento".

A maiores, os orzamentos participativos para o 2018 desenvolveranse nas áreas Urbana Norte e Urbana Sur. A zona Urbana Norte inclúe os barrios de Vite, Basquiños, San Caetano, Salgueiriños, Meixonfrío e Guadalupe e a zona Urbana Sur os de Conxo, Santa Marta e Vidán, nos que se destinarán 500.000 euros (225.000 por cada un). Ademais mantense a partida destinada aos investimentos no conxunto da cidade, que pasan de 300.000 a 400.000 euros (33% máis).

Regulamento
O proceso botará a andar coa xuntanza do grupo motor que deberá aprobar o regulamento. Este grupo "decidirá como artellalo, porque entendemos que a participación da veciñanza debe comezar xa nese grupo motor". En todo caso, engadiu Rozas, "non imos desbotar o traballo do ano pasado e o borrador de regulamento será o propio regulamento que rexeu o proceso do ano pasado".

A concelleira de Facenda amosouse moi satisfeita polo proceso de orzamentos participativos do 2018, "porque incorpora as melloras que foron saíndo dos procesos anteriores e que nos permiten facer cada ano uns orzamentos participativos mellores".

Documentos relacionados



Compartir: