CONVIVENCIA

Protección Civil de Santiago superou os 650 operativos no ano 2016, a cifra máis alta da súa historia

05/04/2017 Protección Civil de Santiago participou o ano pasado en 652 operativos. É o número máis alto da historia da agrupación, que superar o récord acadado en 2015 con 599 intervencións. É o dato máis salientable da memoria de actividades presentada hoxe pola xefa de Protección Civil de Santiago, Begoña del Río, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro.

O edil puxo en valor "as impresionantes cifras de Protección Civil de Santiago no ano no que celebrou o seu 20º aniversario, e no que realizou un 107% máis de operacións que en 2014". Xan Duro agradeceu o labor dos voluntarios e voluntarias "que poñen o seu tempo libre ao servizo do benestar dos demais, e que fan un esforzo altruísta e xeneroso fundamental para o bo funcionamento da cidade".

Reconto anual de actividades
A actividade de Protección Civil de Santiago non deixa de medrar nos últimos anos. As 652 intervencións do ano pasado superan amplamente ao reconto de 2015, con 599, malia a que nese exercicio practicamente se duplicara o número de saídas con respecto a 2014, cando se rexistraran 314 intervencións.

Dos operativos rexistrados en 2016, 264 estiveron relacionados coa atención aos Camiños de Santiago. Begoña del Río explicou que os voluntarios e voluntarias "percorren a diario as rutas xacobeas para atender as necesidades dos peregrinos e para asegurar que os camiños están transitables, rozando malezas ou retirando pedras e árbores caídas".

O ano pasado, Protección Civil realizou 205 intervencións relacionadas con eventos nos que se produciu concentración de persoas, como a cabalgata de Reis, o desfile do Antroido ou eventos deportivos. Tamén se rexistraron oito intervencións relacionadas co medio natural, e as 175 restantes foron intervencións varias como accidentes de tráfico, rescates de animais ou actuacións vinculadas aos operativos especiais por mor das xeadas. En total, Protección Civil dedicou o ano pasado 2.462 horas a estas operacións, fronte ás 1.901 de 2015.

Por meses, o de maior actividade para Protección Civil foi agosto, con 100 operativos. Séguenlle outubro, con 85; novembro, con 83; e setembro, con 82. Pola contra, os meses con menos intervencións foron decembro, con 26; abril, con 27; e xuño, con 30.

Segundo a memoria de actividades presentada hoxe, Protección Civil de Santiago recibiu o ano pasado 1.996 chamadas do 112, 500 máis que en 2015. A maioría, 698, estiveron relacionadas con accidentes; e 342 con intervencións con animais. Non todas estas chamadas do 112 requiren finalmente a mobilización da agrupación, porque son atendidas por outros servizos.

45 voluntarios e voluntarias
Protección Civil de Santiago está composta na actualidade por 45 voluntarios e voluntarias, 16 máis que en 2014. A súa media de idade sitúase nos 25 anos.

Os voluntarios da agrupación teñen como principal obxectivo proporcionar a protección e asistencia necesarias ante calquera evento, accidente ou desastre, así como a salvagarda do medio ambiente. Entre as súas funcións, Protección Civil de Santiago encárgase da asistencia no Camiño de Santiago, do seu acondicionamento, e da atención aos peregrinos. Tamén está presente en actividades culturais ou deportivas, nas que poden proporcionar unha maior seguridade aos asistentes. Protección Civil colabora coa Policía Local, os Bombeiros ou as forzas e corpos de seguridade do Estado en distintas actuacións.

Compartir: