TURISMO

As Cidades Patrimonio promociónanse en Brasil

05/04/2017 O Grupo Cidades Patrimonio promociónase estes días na feira de turismo World Travel Market Latin America, que ten lugar na cidade brasileira de Sao Paulo entre o 4 e o 6 de abril.

Esta feira reúne unhas 700 empresas expositoras e ao redor de 6.500 visitantes cualificados procedentes de toda América Latina. Consta de tres días para reunións profesionais (B2B) e networking nos que WTM achega o mundo a Brasil e no que as entidades expositoras do sector teñen a oportunidade tanto de promocionarse como de establecer e manter interesantes contactos. Unha técnico do Grupo atende estes días as peticións de información e reunirase con turoperadores para dar a coñecer as 15 Cidades Patrimonio e recomendar estes destinos nos paquetes das viaxes a Europa.

Esta campaña comercial enmárcase dentro do Plan Estratéxico de Márketing de Turespaña e do acordo de colaboración existe entre esta entidade e o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España.

WTM conta cunha longa traxectoria na organización deste tipo de eventos e organiza cada ano seis das feiras máis importantes de turismo: WTM London, WTM Latin America, WTM África, Arabian WTM, WTM Connect Asia e International Golf Travel Market, nas que ofrecen ferramentas únicas de comunicación e desenvolvemento para o sector.

O mercado brasileiro e latinoamericano
En canto ao mercado emisor brasileiro, é necesario ter en conta que Brasil é un dos países máis desiguais en termos de distribución de renda e tamén a nivel xeográfico. Segundo os últimos datos dispoñibles, a suma da contribución dos sete maiores estados na economía, entre os que figura Sao Paulo, representa o 75% do total da economía brasileira. Para o turista brasileiro, a principal motivación nas súas viaxes ao estranxeiro é o lecer (80%) e maioritariamente responde a un perfil de entre 35 e 60 anos con estudos superiores procedente das clases sociais mellor situadas.

Ao turista brasileiro gústalle mergullarse na cultura do país ao que viaxa e facer as mesmas actividades que os locais. Gústalle tamén coñecer a contorna, explorar e descubrir lugares auténticos e especiais, buscando experiencias únicas e diferenciadas.

O interese en canto ás viaxes de longa distancia moi variado e diverso; a arte, a cultura, o patrimonio, a natureza ou o folclore constitúen un grande atractivo para o viaxeiro brasileiro e latinoamericano. Segundo datos de Frontur (INE), sen ter en conta Estados Unidos, visitáronnos 2.567.259 turistas americanos durante 2016, o que supón un 23,3% de crecemento con respecto ao ano anterior.

Plan Operativo
Tras un 2016 moi positivo para o sector turístico español, o Plan Operativo do Grupo para 2017 continuará coa liña de promoción, representación e comercialización das 15 Cidades baixo o selo de calidade excepcional que outorga formar parte da lista de Patrimonio Mundial da Unesco.

Ademais levar a cabo diversas presentacións directas, entre elas as que recentemente tiveron lugar nas cidades de Lima e Bos Aires, con excelentes resultados para o Grupo, ao longo do ano está previsto participar nos principais eventos e feiras nacionais e internacionais do sector, tanto nos principais mercados emerxentes como nos máis consolidados; Fitur (Madrid), Salon des Vacances (Bruxelas), Reisen Hamburg (Hamburgo), Salon Mondial du Tourisme (Paris), WTM Latin America (Sao Paulo), ITB Berlín, WTM Londres, ITB Asia (Singapur), JATA Tokio e CITM China, entre outras.

Compartir: