EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Visita didáctica á ETAP

04/04/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, acompañado polo xerente de Viaqua, José Antonio Rey, participou este martes nunha visita didáctica á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP), á que asistiu un grupo de escolares do IES Lamas de Abade.

Estas visitas á ETAP (situada en Marzo de Abaixo, na parroquia de Grixoa), froito da colaboración entre a Concellería de Educación e Cidadanía e Viaqua, permiten ao alumnado reflexionar sobre a importancia do uso controlado da auga e do seu uso sostible, da xestión e da protección da auga doce.

Os percorridos pola ETAP e pola EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Silvouta (Villestro) están dirixidas ao alumnado de educación primaria e secundaria. Está prevista a participación de máis de 400 escolares dos CEIPs Raíña Fabiola, Apóstolo Santiago, Ramón Cabanillas, López Ferreiro; dos IES As Fontiñas e Lamas de Abade; e dos colexios Cluny e Seminario Menor.

Aquoloxía
A colaboración entre o Concello de Santiago e Viaqua permite poñer en marcha diferentes programas e propostas educativas co obxectivo de lograr unha maior concienciación e participación dos centros de ensino de Santiago na prevención e solución de problemas ambientais.

Entre as propostas que se están desenvolvendo ao longo deste curso escolar, ademais destas visitas didácticas, destaca a terceira edición do programa Aquoloxía, no que participarán máis de 400 escolares dos CEIPs Raíña Fabiola, Fontiñas, Mestre Rodríguez-Xixirei, Arquitecto Casas Novoa e Ramón Cabanillas, e dos colexios Compañía de María, A Milagrosa e Nosa Sra. dos Remedios.

Esta iniciativa pretende concienciar aos escolares sobre a importancia da auga e o medio ambiente e explicarlles o ciclo natural e urbano da auga. Nas sesións, o alumnado presencia un vídeo interactivo e realiza experimentos nos que desenvolve os coñecementos adquiridos sobre a auga.

Compartir: