POLÍTICAS SOCIAIS E DIVERSIDADE

O espectáculo "Cerebro, artes, acción" busca a integración de 20 persoas a través das artes escénicas

04/04/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou esta mañá o espectáculo de danza Cerebro, artes, acción, enmarcado no programa Torre de Babel. Na rolda tamén estiveron algunhas integrantes do equipo artístico.

Trátase dunha iniciativa que busca a "colaboración, a inclusión grupal, o respecto intelectual e o fomento da creatividade a través da educación artística e o traballo en equipo", indicou a concelleira. As beneficiarias son 20 persoas con dificultades de inclusión social, que levan traballando dende comezos do mes de marzo.

A idea do proxecto é que, a través das ferramentas do traballo artístico, se cree unha interconexión entre todas as alumnas e alumnos, ao mesmo tempo que se potencian as capacidades creativas de cada un deles. Non se traballa cun guión establecido, aínda que si coa idea da Torre de Babel como motor, dando unha nova visión a unha historia bíblica un tanto inconclusa.

O fío narrativo acompañarase de diferentes disciplinas artísticas que potenciarán o talento de cada persoa e na unión dos cinco sentidos como vía de comunicación humana. Búscanse crear espazos de comunicación e comprobar como cun mal uso dos nosos órganos sensoriais, pode fomentar a violencia e a frialdade nas relacións humanas.

Estrea en abril
Este proxecto é resultado dun traballo de exploración e investigación no cal as persoas creadoras seleccionarán o material que poida ser máis interesante, como textos sobre a Torre de Babel de hoxe en día, debuxos, máscaras ou murais para a escenografía que fosen realizadas polos alumnos e alumnas.

A iniciativa remata cunha posta en escena o 30 de abril no Auditorio de Galicia. Os días 26 e 27 de abril levaranse a cabo os ensaios previos a esa gran estrea. Iso si, non será a única representación, xa que a finais de marzo xa estrearon en Santa Marta para colexios e institutos. As persoas profesionais e responsables deste proxecto son Carlota Pérez (idea orixinal), Jordi Cortes e Carlota Pérez (codirección artística), Lara Bacelo (creación audiovisual), Txon e Maika González (asesoramento e xestión) e Dora Pipo (dramaturxia).

Día Internacional da Danza
Este espectáculo é unha forma de celebrar tamén o día Internacional da Danza, que se celebra cada 29 de abril dende 1982. A Unesco declarou este día despois dunha petición do Instituto Nacional de Teatro, e elixiu o 29 de abril por ser a data de nacemento de Jean Georges Noverre, innovador e estudoso desta arte, mestre e creador do ballet moderno.

Compartir: