ACCIÓN CULTURAL

A Banda Municipal de Música de Santiago ofrecerá 17 concertos no seu Ciclo de Primavera

04/04/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o director da Banda Municipal de Música, Casiano Mouriño, presentaron hoxe o Ciclo de Primavera da formación, que inclúe un total de 17 actuacións. Moitas delas están vinculadas á programación de Semana Santa, e noutras a Banda continúa coa súa liña de colaboracións con distintas entidades e colectivos de Compostela.

O rexedor explicou que, nos próximos meses, "a actividade da Banda estará marcada pola celebración da Semana Santa, xa que a formación participa en ata cinco procesións e na celebración do Día de Santiago en Padrón, o luns de Pascua". Ademais, Martiño Noriega salientou o concerto especial que terá lugar o próximo sábado, a partir das oito da tarde, en San Domingos de Bonaval, no que a Banda colaborará coa Escolanía da Catedral de Santiago.

O director da Banda mostrouse moi ilusionado con esta colaboración, "que se produce por vez primeira e na que a Banda e a Escolanía levan meses traballando". Casiano Mouriño explicou que o concerto terá dúas partes, unha delas de carácter máis litúrxico e a outra con temática máis variada.

Outras colaboracións
O director da Banda Municipal de Música explicou que un dos seus obxectivos é seguir colaborando con distintas entidades e colectivos da cidade. Nesa liña, salientou o concerto que a formación ofrecerá o 30 de abril no Teatro Principal, con motivo do Día Internacional da Danza, e en colaboración coa Escola de Música e Danza Alfaia. Casiano Mouriño sinalou que será "unha proposta máis atrevida do habitual, porque se xuntará o ballet clásico con outros estilos de danza máis modernos".

En colaboración coa asociación de Amigos da Ópera de Santiago, a Banda ofrecerá unha Gala Lírica, Ópera e Zarzuela o 14 de maio. No concerto participarán a soprano Carmen Subrido e o barítono Gabriel Alonso. Ademais, a Banda participará na inauguración da Feira do Libro e da Feira do Libro Antigo, nun concerto especial polo Día das Letras Galegas no CEIP das Fontiñas e coa participación do alumnado do centro.

Persoal da Banda
Na rolda de prensa de presentación do Ciclo de Primavera, o alcalde e o director da Banda foron preguntados polos problemas de persoal que a formación vén arrastrando dende hai anos. Casiano Mouriño explicou que "estamos ante un problema de carácter técnico, porque a Banda xa ten un cadro de persoal moi reducido e os músicos non poden substituírse entre eles nin facer horas extras, ao contrario do que acontece noutros departamentos municipais". O director da Banda recoñeceu que a Banda está na mesma situación que o conxunto da administración por mor da taxa de reposición do persoal, e agradeceu o esforzo realizado para cubrir as vacantes existentes.

O alcalde explicou que "o Goberno vén de forzar ao límite o marco legal establecido para poder contratar aos músicos vacantes por un longo período de tempo, ata remate de 2018". Martiño Noriega insistiu en que o obxectivo é "paliar a situación de precariedade que se vén vivindo dende hai anos, con músicos contratados por períodos de meses". Agora, a Banda terá cubertas as prazas vacantes por 20 meses.

Compartir: