CONSORCIO

O tenor británico Sam Furness cantará esta semana coa Real Filharmonía "As iluminacións" de Britten

03/04/2017 A Real Filharmonía de Galicia vai ofrecer dous concertos esta semana. O primeiro terá lugar o xoves 6, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia. E o venres a agrupación desprazarase a Vigo, onde tocará no Teatro Afundación da cidade, tamén ás 20:30 horas. En ambas as actuacións levará a batuta o aclamado mestre londiniense Jonathan Webb, que esta tempada estreouse como principal director convidado da orquestra.

Os concertos comezarán con As iluminacións do compositor británico Benjamin Britten (1913-1976). Trátase dun ciclo de cancións cuxa letra foi tomada da colección homónima de poemas do francés Arthur Rimbaud. Ao compositor impactoulle enormemente a intensidade emocional destes textos e decidiu poñerlles música tan pronto os acabou de ler.

A obra de Britten será interpretada pola voz do novo tenor Sam Furness, que sempre cultiva eloxios polas súas convincentes actuacións e a súa musicalidade innata. Algúns dos seus compromisos para esta tempada inclúen o seu debut no Teatro Real de Madrid, na Vlaanderen Opera (Amberes) e coa Filharmonía de París. Ademais, cantará de novo no Wigmore Hall e no Royal Festival Hall de Londres, na Ópera de Garsington e na Ópera de Irlanda do Norte.

Ambos concertos concluirán coa Sinfonía nº 10 do ruso Dmitri Shostakóvich (1906-1975), considerado coma un dos máis importantes compositores do século XX. É unha obra case autobiográfica, que simboliza a liberdade conseguida despois do falecemento de Stalin, que o autor representa grotescamente na obra.

Conversa co director Jonathan Webb
Antes da celebración do concerto de Santiago, o público asistente terá a oportunidade de manter unha charla previa co director Jonathan Webb. Será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Jonathan Webb, que esta tempada estreouse como principal director convidado da RFG, estudou piano, violín, canto coral e dirección de orquestra en Manchester, onde debutou no Teatro da Ópera con West Side Story. Foi director do Teatro da Ópera de Tel Aviv. É convidado a dirixir en numerosos teatros de toda Europa e colabora habitualmente cos máis importantes teatros italianos e co Teatro São Carlos de Lisboa. Dirixe con frecuencia orquestras en Alemaña, Irlanda, Austria, Rusia... tamén en Israel e realizou xiras por China e Xapón. Participou no concerto que tivo lugar no Coliseo de Roma por primeira vez en 1.500 anos con motivo da celebración de "Coliseo 2000". Dende setembro de 2014 é director musical da agrupación italiana Camerata Strumentale "Città dei Prato".

Compartir: