CONVIVENCIA

A Policía Local controla máis de 4.500 vehículos na última campaña de vixilancia do uso do cinto

30/03/2017 A Policía Local ven de colaborar coa Dirección Xeral de Tráfico na campaña especial de vixilancia do uso do cinto de seguridade. Entre os días 13 e 19 de marzo, foron controlados preto de 4.600 vehículos, e só o 1 por cento dos condutores incumprían a normativa.

A Policía Local controlou 4.577 vehículos, e só 43 dos condutores ían sen cinto de seguridade. Foron, en concreto, 32 condutores de turismos particulares, cinco condutores de taxi, catro condutores de autobús e dous de vehículos de transporte de mercadorías.

Tamén se controlou o uso do cinto por parte dos pasaxeiros. Neste caso, dos 858 viaxeiros dos asentos dianteiros que foron vixiados, non cumprían a normativa catro deles; e dos 212 pasaxeiros dos asentos traseiros controlados, dous non levaban posto o cinto.

Por último, na mesma campaña en colaboración coa DXT a Policía Local controlou o uso dos sistemas de retención infantil, e o total dos 75 casos vixiados cumprían correctamente a normativa ao respecto.

A DXT lembra que o uso do cinto de seguridade se ven incrementando, pero lamenta que aínda se produzan algunhas lagoas, malia a facilidade do seu uso e a súa eficacia. O cinto reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. En canto aos Sistemas de Retención Infantil, un dos obxectivos da Estratexia de Seguridade Viaria 2011-2020 da Dirección Xeral de Tráfico é que ningún neno perda a vida nun accidente por non ir correctamente sentado nunha cadeira axeitada para o seu peso e talle.

Compartir: