EDUCACIÓN

Carmen Urrutia, Noela Sanjurjo, Tania Blanco e Raquel Aller, gañadoras do certame Relatos de Auga Intelixente

30/03/2017 O Salón Nobre do Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a entrega de premios da terceira edición do Certame Literario "Relatos de auga intelixente", convocado por Viaqua. No acto estiveron, ademais das catro premiadas, o concelleiro de Educación, Manuel Dios; o Director de Viaqua, Julio Masid e membros do xurado. Tamén estiveron acompañados de familiares, profesorado e persoal directivo dos centros escolares, así como representantes dos grupos municipais.

As catro estudantes resultaron vencedoras nas dúas categorías do certame, na ESO e na de Bacharelato/FP impoñéndose entre os 561 relatos presentados por participantes de diferentes centros de Galicia.

Premiadas
En concreto, os premios da categoría ESO recaeron en Carmen Urrutia González-Fierro, alumna de 1º ESO do IES Pontepedriña polo seu relato Un balde de auga e en Noela Sanjurjo Carballeira, de 2ª ESO que cursa estudios no IES Antonio Fraguas polo seu traballo Sorte.

Na categoría de Bacharelato/FP resultaron gañadoras Tania Blanco Hernández, de 2º curso de Bacharelato do Colexio La Salle, polo seu traballo Chovía e Raquel Aller Domínguez, de 2º de Bacharelato, do IES Xelmírez I polo relato Y se ahogó en la Tierra. As primeiras clasificadas recibiron como premio un Ipad Mini e as segundas un eBook.

Este certame, promovido por Viaqua coa colaboración dos concellos ten como obxectivo comprometer á comunidade educativa no uso sostible da auga e no coidado do medio ambiente a través da literatura.

Outros programas educativos
Esta colaboración permite poñer en marcha diferentes programas e propostas educativas co obxectivo de lograr unha maior concienciación e participación dos centros de ensino de Santiago na prevención e solución de problemas ambientais, poñendo á súa disposición recursos educativos que permitan a posta en valor de hábitos e actitudes cidadáns que fagan da nosa cidade un espazo de maior calidade para a nosa vida cotiá, dando contido a vocación de Santiago como cidade educadora.

Entre as propostas que se están desenvolvendo, dirixidas aos centros educativos de Santiago, salientan dúas. En primeiro lugar, a visita comentada ás instalacións exteriores e interiores da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) e á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), que se realizará o próximo martes, día 4 de abril ás 10 horas

En segundo lugar destaca o programa educativo "AQUALOXÍA", cuxas actividades comezaron cun cun taller para concienciar aos nenos e nenas sobre o uso axeitado e racional da auga. O luns, día 3 de abril ás 12 h. No CEIP Raíña Fabiola terá lugar o acto de inicio deste programa, que xa vai pola súa terceira edición, e no que levan participado máis de 1000 escolares de Santiago.

Compartir: