ACCIÓN CULTURAL

Concertos, obradoiro, visitas guiadas e charlas na segunda edición do ciclo ‘De Lugares e Órganos’

30/03/2017 Coincidindo coas datas de Semana Santa, a concellaría de Acción Cultural organiza a segunda edición do ciclo De Lugares e Órganos. Música e outras paisaxes de Compostela, que se celebrará do 31 de marzo ao 16 de abril en diversos espazos da cidade. Serán un total de seis concertos, un obradoiro para nenos, tres visitas guiadas polos órganos e tres coloquios arredor deles. Todas estas actividades permitirán escoitar e gozar da música relacionada co patrimonio artístico da cidade xunto co coñecemento cultural máis profundo da colección organística de Compostela.

É un ciclo organizado polo Concello de Santiago co apoio do Consorcio da cidade e da Deputación da Coruña, e coa colaboración da USC, O Pazo das Musas, Kookaï-Nafnaf e Secretos de Galicia. Foi presentado esta mañá na Casa do Concello pola tenente de alcalde, María Rozas; a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín; e a directora artística do ciclo, Belén Bermejo.

Programación Principal
Seis concertos conforman esta programación diversa pero co órgano como elemento unificador. Comezamos o venres 7 de abril na Igrexa da Universidade co Grupo Ouriol e o organista José Luis González Uriol que presentan o espectáculo poético-musical Descendat nunc de cruce; e o luns 10 de abril poderemos gozar de As sete palabras de Xesucristo na cruz, unha recreación visual e musical do exercicio das tres horas da man do Cuarteto Alicerce con Alejandra Escolante ao órgano na Igrexa das Ánimas. Ademais, neste concerto teremos unha hora antes de que comece, unha preparación para a escoita con Óscar Valado, director do Departamento de Música Sacra da Arquidiocese de Santiago, e o teólogo Andrés Torres Queiruga, moderados pola xornalista Belén Regueira.

Seguimos o martes 11 de abril co concerto Glosas, cantos e devoción en feminino de Ana Pazos Pintor e Julia Ammerman Yebra na Igrexa de San Miguel dos Agros. O mércores 12 de abril a cita musical será na Igrexa de San Paio de Antealtares onde poderemos escoitar O dulcis amor, repertorios para voz e órganos dos séculos XVI e XVII con Dominique Vellard e Jan Willem Jansen; e o 15 de abril regresamos á Igrexa da Universidade para escoitar Mutema. Voces, vontade, metal, ouvido, unha peza en tres actos con Pablo Seoane Trío Electroacústico. Pechamos a programación o 16 de abril tamén na Igrexa da Universidade coa organista Catalina Vincens que presenta Renaceres, música antiga e contemporánea para instrumentos de teclas antigos.

Outras paisaxes
Para descubrir os vestixios dunha frutífera actividade arredor do órgano na cidade de Compostela e o rico legado organístico que aínda se conserva nela, propóñense novos itinerarios nos que descubrir algúns dos órganos que integran estas descoñecidas paisaxes. Nesta nova edición renóvase a oferta de espazos visitados: os órganos das igrexas da Compañía ou da Universidade, de San Miguel dos Agros, de San Paio de Antealtares e de San Martiño Pinario. Guiados polo organista Adrián Regueiro e o relator Andrés Díaz Pazos.

Máis que música
Completamos a programación cos coloquios de O órgano sae á rúa e un obradoiro. O obradoiro de organería para nenas e nenos de 6 a 12 anos, Constrúe o teu propio tubo celebrarase en dous grupos de 15 persoas cada un, Na Igrexa da Universidade o 13 de abril. E en canto ás actividades de O órgano sae á rúa mañá mesmo, 31 de marzo, teremos a primeira delas cun Encontro informal, música e conversa arredor dos órganos ás 19.30 h en Kookaï-Nafnaf (Doutor Teixeiro, 20). Repetiremos ese encontro o 5 de abril á mesma hora en Secretos de Galicia (San Agostiño, 7) e pechamos este apartado con Conversa e música con Catalina Vincens: os instrumentos antigos de tecla, o 15 de abril ás 12 h en O Pazo das Musas (Rúa Nova, 8).

Entradas de balde
As entradas para as actividades e concertos son de balde, previa retirada de invitación a partir do 28 de marzo, no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto de martes a sábado (mais días do evento) de 18.00 a 21.00 h. De non esgotarse, tamén se poderán recoller o propio día da actividade no lugar de celebración da mesma desde 1 hora antes do seu comezo. As invitacións serán válidas até 10 minutos antes do inicio da actividade. A partir dese momento, a organización resérvase o dereito a empregar as localidades non ocupadas.

As actividades do espazo O órgano sae á rúa son de entrada libre até completar capacidade e non é precisa a retirada previa de entrada. No momento da retirada das invitacións para o Obradoiro de organería para crianzas, solicitarase o nome do neno ou nena así como un teléfono de contacto dun adulto.

Compartir: