LINGUA E EDUCACIÓN

O Concello convoca o certame "Enreguéifate" para contribuír á dinamización do galego entre a mocidade

30/03/2017 O alcalde presentou hoxe as actividades organizadas polo departamento municipal de Lingua ao redor das regueifas. Martiño Noriega estivo acompañado por Manolo Maseda, un dos promotores do festival Regueifesta, co que este ano vai colaborar o Concello.

O alcalde lembrou que "moito antes do rap xa existía a regueifa", un elemento que forma parte do noso patrimonio inmaterial e que nos últimos tempos "ven sendo utlizado como un recurso moi útil para a normalización da lingua galega entre os mozos e mozas". Nesa liña vai o certame "Enreguéifate", co que o Concello quere incentivar a práctica desta modalidade de improvisación oral tanto nos centros de ensino como entre a poboación en xeral.

Vídeos de ata tres minutos
Martiño Noriega explicou que para participar no certame "Enreguéifate" só é preciso gravar un vídeo regueifando, no que participen un mínimo de dúas persoas, e quenon dure máis de tres minutos. O prazo para presentar os traballos vai do 1 ao 30 de abril. Pódese participar nas categorías escolar, para o alumnado de centros educativos galegos non universitarios, ou xeral, para calquera persoa.

O xurado de expertos seleccionará os mellores vídeos en varias categorías: regueifa máis brava, máis aguda, diversa, reivindicativa, mellor cantada e mellor falada. As "recompensas" terán carácter simbólico, e serán entregadas o 12 de maio no Auditorio de Galicia, coincidindo coa Regueifesta.

Regueifesta no Auditorio
Un dos promotores da Regueifesta, Manolo Maseda, explicou que este emncontro está enmarcado nun proxecto "lingüístico e activista, que ten a súa orixe no eido educativo, da man da Asociación Oral, e en dous institutos de Baio e Vila de Cruces". O obxectivo, apuntou, é levar á escola actividades "que creen persoas críticas, comprometidas e ávidas de aprender".

Maseda explicou que o do 12 de maio no Auditorio será "o segundo encontro co grupo de escolares de Euskal Herria co que xa se contactara o ano pasado para ver como funcionaba o modelo dos bertsularis", posto que no País Vasco a improvisación en verso "é unha materia máis coa que se poden abordar temas transversais". Segundo dixo, "non se trata de copiar ese modelo, senón de telo en conta á hora de definir un modelo propio para Galicia". Manolo Maseda explicou que o movemento Regueifesta "vai máis alá da regueifa da taberna, que tamén é necesaria, para ir cara unha regueifa educativa na que se garantan valores femininos, ecoloxistas, creativos e inclusivos".

No encontro do 12 de maio participarán regueifeiros e regueifeiras "vellos e experimentados", pero tamén xente nova que empeza a traballar na improvisación oral en galego.

Obradoiros nos centros educativos
Outra das actividades impulsadas polo Concello son os obradoiros de regueifa en centros de ensino. No CEIP das Fontiñas xa se celebraron os días 17 e 24 de marzo, e no IES Antonio Fraguas serán mañá e o 7 de abril. Tamén haberá obradoiros no IES Xelmírez I, os días 21 e 28 de abril, e no CEIP Apóstolo Santiago, os días 4 e 5 e maio. En cada centro educativo participarán ata oito grupos, que suponen uns 400 alumnos e alumnas.

Por último, o departamento de Lingua está a elaborar videos explicativos sobre a regueifa, nos que participan nenos e nenas que tamén se animan a regueifar. O primeiro deles xa se pode ver nas redes sociais do proxecto "Enreguéifate".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: