COMERCIO

O vindeiro 3 de abril remata o prazo para apuntarse ao programa "Con B de Barrio"

29/03/2017 A concellería de Desenvolvemento Económico convoca a segunda edición deste programa de dinamización comercial dirixido a establecementos de Compostela. O prazo para anotarse remata o vindeiro luns 3 de marzo. Hai un total de 15 prazas.

O obxectivo desta iniciativa pasa por apoiar, dinamizar e estimular o pequeno comercio de barrio. A edición do ano pasado asesorou 16 proxectos de dinamización de xullo a decembro de 2016. Cada un deles partiu dun comercio beneficiario directo, creándose redes de colaboración comercial e sinerxias, tanto individuais como colectivas.

Trátase dun programa que busca axudar e dinamizar o comercio local e de proximidade fronte ás grandes superficies. Por iso se propón escoitar, recoller, transformar e canalizar as situacións problemáticas do comercio de barrio, traballando na súa supervivencia e mellora. A partir das necesidades concretas de 15 comercios beneficiarios, crearanse 15 proxectos de dinamización comercial nos cales cada comercio será o centro ou nodo. Poderán participar todos os comercios de Santiago, agás aqueles que tiveran participado na primeira edición.

Prestarase, polo tanto, un servizo de consultoría aberta para o pequeno comercio de barrio mediante o cal un asesor ou asesora guiará cada establecemento beneficiario para mellorar a capacidade de captación e fidelización de clientes a través de estratexias comerciais e de mercadotecnia. O labor de consultoría implicará escoitar as necesidades dos comercios beneficiarios, diagnosticar a súa situación, deseñar estratexias comerciais e de mercadotecnia efectivas e crear estratexias de colaboración entre establecementos con intereses compatibles.

A duración do servizo de consultoría será dende a aprobación dos comercios beneficiarios ata o 16 de decembro de 2017.

Funcionamento dos proxectos
O asesoramento será presencial, telefónico e en liña. Existirá unha atención personalizada presencial de 35 horas nas dependencias de cada comercio beneficiario. O horario de reunións fixarase conxuntamente co comercio. Complementariamente haberá unha atención e disposición en liña e telefónica para consultas. Poderán participar todos os establecementos comerciais de Santiago, aínda que o número de beneficiarios directos das asistencias gratuítas será de 15, creándose, polo tanto, 15 proxectos.

Se o proxecto premiado é colectivo, permitirase un número máximo de dúas persoas nas sesións de consultoría, das cales sempre será obrigada a presenza da promotora principal.

O prazo para presentar as correspondentes candidaturas rematará ás 14:00 horas do día 3 de abril. Este prazo poderá prorrogarse en caso de que o número de candidaturas admitidas sexa inferior a 15.

A inscrición realizarase mediante o envío en liña do formulario dispoñible na web http://comercio.santiagodecompostela.gal/formacion

Á hora de formalizar a inscrición deberase indicar no campo "observacións" unha carta de presentación do negocio, as principais carencias e fortalezas do mesmo, así como os motivos polos cales quere participar no programa Con B de Barrio.

As candidaturas presentadas valoraranse atendendo á orde temporal de inscrición, aos comercios con superficie de venda inferior a 150 metros cadrados e aos comercios localizados en áreas xeográficas onde non exista asociación de comerciantes representativa.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: