MEDIO AMBIENTE

Máis dun milleiro de escolares visitarán o Centro de Interpretación de Parques e Xardíns ata xuño

29/03/2017 O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, visitaron esta mañá o Centro de Interpretación de Parques e Xardíns que está a ser reactivado desde o Concello, en colaboración con Ferrovial e coa Universidade de Santiago.

O alcalde vinculou a visita co esforzo que se está a facer desde o Goberno para recuperar "a Compostela Verde, e nesa liña van os traballos para abrir novas sendas verdes e novas hortas urbanas". Martiño Noriega puxo en valor as actividades de concienciación cos máis novos, coma o alumnado do CEIP Ramón Cabanillas que esta mañá participaba nunha charla no centro.

Ata o próximo mes de xuño, polo CIPX pasará o alumnado de medio cento de aulas dos colexios de Santiago, o que supón máis de mil rapaces e rapazas. As actividades organizadas por Ferrovial en colaboración co Concello e coa USC consisten en charlas divulgativas sobre temas como a importancia das aves, a vida nos ríos galegos, os cogomelos ou a importancia na conservación dos bosques.

Despois, os nenos e nenas participan nun obradoiro práctico, que pode ser sobre a construción de caixas-niño, a pegada de animais, ou o estampado de follas de árbores autóctonas.

Centro de Interpretación de Parques e Xardíns
O Centro de Interpretación de Parques e Xardíns ocupa un antigo curtidoiro totalmente rehabilitado no parque de Belvís. A recuperación do inmoble foi un proxecto incluído no programa Urbana Santiago Norte, cun custo de 210.000 euros. O centro foi pensado para substituír ao vello Centro de Interpretación da Alameda, co obxectivo de achegar o valor dos parques e xardíns de Compostela á cidadanía, en particular aos máis novos e novas. O CIPX súmase ao Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC) tamén situado en Belvís.

Compartir: