EDUCACIÓN

Presentada ao profesorado a XVII Campaña Municipal de Animación á lectura

29/03/2017 A galería Sargadelos acolleu na tarde de onte a tradicional presentación da campaña de animación á lectura ao profesorado dos centros de educación infantil e primaria. No encontro participaron 170 profesores e profesoras dos diferentes niveis educativos, o que dá a medida do importante recurso que representa esta iniciativa que ano tras ano capta o seu interese.

A XVII Campaña Municipal de Animación á Lectura leva por título Unha última carta, baseado no traballo de Antonis Papatheodoloulou (Grecia) e Iris Samartzi (Grecia) que resultou gañador do IX Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, convocado polo Departamento de Educación e Cidadanía e a Editorial Kalandraka.

O pasado luns 27 de abril ás 11.00 horas tivo lugar na Galería Sargadelos, a inauguración desta campaña organizada polo Concello, Kalandraka Editora, a Galería Sargadelos e Correos, coa presenza do alcalde de Santiago de Compostela, o concelleiro de Educación e Cidadanía e os representantes de Fundación Sargadelos e Correos.

Máis de 10.000 escolares
A día de hoxe están inscritos 10346 escolares das escolas infantís e dos centros de educación infantil e primaria composteláns. Houbo ademais un total de 183 mestres e mestras, de todos os niveis educativos, involucrados na campaña do ano pasado.

Nas actividades desta semana destaca a do sábado 1 de abril, ás 12 horas, onde haberá unha sesión aberta de contos e música para todas as familias, profesorado e persoas interesadas que queiran participar. Ademais e durante todas as mañás desta semana pasarán pola Galería Sargadelos os CEIPS Monte dos Postes, Vilas Alborada e Apóstolo Santiago (mércores 29 de marzo); o Colexio San Pelayo-Emma, Nosa Señora dos Remedios e o CEIP Lamas de Abade (30 de abril) e os CEIP Pío XII, Mestre Rodríguez Xixirei e Vite I (venres 31 de marzo).

Compartir: