ALCALDÍA

O alcalde viaxa a Las Palmas para apoiar a súa declaración como Patrimonio da Humanidade

27/11/2006 Sánchez bugallo pronunciará, a petición do concello de Las Palmas, unha conferencia de apoio e asesoramento no proceso de solicitar á UNESCO que os barrios de Triana e Vegueta sexan declarados Patrimonio da Humanidade.

O alcalde de Santiago viaxará mañá a Las Palmas, convidado polo goberno local da cidade, para impartir unha conferencia baixo o título ‘Santiago de Compostela, dúas décadas, Patrimonio da Humanidade’. Sánchez Bugallo apoiará a petición do concello de Las Palmas e aportará como exemplo a experiencia de Santiago, a través dun percorrido minucioso polo proceso que levou a Compostela a conseguir a declaración de Patrimonio da Humanidade no ano 1985.

O barrio de Triana e a ribeira de Vegueta están ocupados por edificios catalogados e protexidos polo Plan Especial de Protección e Reforma Interior impulsado polo Concello de Las Palmas de Gran Canaria. En total, son 582 os inmobles que gozan desta catalogación, e que expoñen diferentes estilos arquitectónicos (desde a arquitectura gótica ou a mudéxar ata a tradicional canaria ou a neoclásica).
Ademais, este centro histórico foi o xerme da cidade, fundada en 1478, e a primeira que levantou a Coroa de Castela no Atlántico. O mapeado inicial do inxenieiro Leonardo Torriani, os ataques perpetrados por mariños como Francis Drake ou Van der Does; a súa condición de sinalada escala nas viaxes do Descubrimento; o feito de que a súa catedral fora a primeira de España neste océano, e a súa praza Maior -Santa Ana-, a primeira planificada en España e a América Colonial, coas sedes do poder gubernativo e eclesiástico; e a posterior evolución da cidade en torno ao centro histórico, que se constitúe en ilustración perfecta do paso dunha cidade medieval á cidade regular de estilo americano que despois dominou o Atlántico.

Axenda
O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo chegará a Las Palmas contra o mediodía para almorzar co primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Patrimonio da cidade, Felipe Afonso. A continuación está previsto que realice unha visita polos barrios de Vegueta e Triana, obxecto da declaración como Patrimonio da Humanidade.

Sobre as 19 horas Bugallo encontrarase coa alcaldesa de Las Palmas, Pepa Luzardo, no gabinete Literario da cidade, onde a continuación se celebrará a conferencia. Está previsto que acudan ao acto os medios locais e tamén os periodistas desprazados desde Compostela. Pola noite, está programada unha cea coa concelleira de Cultura, Mª Isabel García Bolta e os xornalistas de Santiago.

Compartir: