CONVIVENCIA

O programa de Educación Viaria da Policía Local presenta a súa nova mascota, Xeraldina

28/03/2017 O programa de Educación Viaria da Policía Local vén de estrear unha nova mascota, que se suma ao xa máis que coñecido Moito Olliño. Trátase de Xeraldina, un personaxe que ten a misión de mostrar o uso correcto dos Sistemas de Retención Infantil.

Xeraldina fixo a súa primeira aparición na pasada fin de semana, nunha actividade no Centro Sociocultural do Ensanche que estivo dirixida a nenos e nenas de 4 a 6 anos.

Os responsables do departamento de Educación Viaria da Policía Local mostráronlles aos máis pequenos como deben circular no coche, onde debe ir a cadeira, e cando deben usala.

Circuíto viario
A actividade tamén contou cun circuíto viario, no que a rapazada puido aprender cal debe ser o seu comportamento tanto como peóns como futuros usuarios de motos e bicicletas. Por último, Moito Olliño apareceu no Centro Sociocultural do Ensanche para facer entrega de diferentes agasallos, como cadernos de educación viaria, carnés de Policía Local Infantil, e medidores de altura para que os nenos e nenas saiban onde poden viaxar nos vehículos segundo a súa altura.

A Policía amiga
Durante a actividade, os policías locais tamén lles explicaron aos nenos e nenas cales son as principais tarefas ás que se dedican, como o control do tráfico, a atención a accidentes e as clases de educación viaria nos colexios. Os cativos e cativas preguntáronlles se se ocupaban "de meter aos malos no cárcere", e os axentes aclaráronlles que eles se encargan de detelos, e as condenas dependen dos xuíces.

Compartir: