ESPAZOS CIDADÁNS

O martes 28 comezan os labores de asfaltado na rúa de Montero Ríos

27/03/2017 Mañá pola mañá comezarán, se as condicións meteorolóxicas o permiten, os labores de asfaltado na rúa de Montero Ríos. Deste xeito, a reforma desta céntrica rúa entrará na súa fase final. A Concellería de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explica que, por mor destes traballos, impedirase o acceso aos garaxes en boa parte da xornada.

O proxecto de humanización de Montero Ríos permitirá gañar espazo para os peóns e reducir o tráfico na zona. Para iso, ampliáronse notablemente as beirarrúas, que non baixarán dos tres metros de ancho en ningún dos seus tramos. A calzada quedou en 3,20 metros. Ademais, a presenza dos vehículos reducirase ás zonas de carga e descarga que estarán á mesma altura que a beirarrúa. Haberá un total de cinco zonas ao longo da rúa, que equivalen a unhas 26 prazas. Fora do horario de carga e descarga, esas áreas recupéranse para os peóns, conseguindo beirarrúas de ata seis metros, aínda que poderán ser utilizados como lugar de parada para calquera vehículo, por períodos de tempo que non superen os cinco minutos.

Desaparecen as prazas de aparcamento reguladas polo sistema da ORA (42), e mantéñense as dimensións da parada de taxis, no tramo máis próximo a Doutor Teixeiro pero na beirarrúa contraria a antes das obras.
Un dos cambios máis salientables que xa se pode apreciar na rúa ten que ver co cruce entre Montero Ríos e Xeneral Pardiñas, que viu elevada a súa cota para marcar con claridade que os peóns teñen prioridade sobre os vehículos.

O tratamento deste punto da rúa daralle unha estética próxima á dunha praza, e alonxada dun simple cruce. Niso xogarán un importante papel o arborado e o mobiliario urbano, que vai ser renovado ao longo de toda a rúa, con novos bancos, papeleiras e luminarias. Tamén haberá unha illa de colectores soterrados.

Compartir: