CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia rinde homenaxe a Mozart nos seus concertos desta semana

27/03/2017 O director ruso Maxim Emelyanychev, de 29 anos, levará a batuta nos concertos que a Real Filharmonía de Galicia tocará o xoves 30 ás 20.30 horas no Teatro Afundación de Vigo e o venres 31, tamén ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia. En ambas as actuacións os músicos renderán homenaxe a Mozart, mestre do Clasicismo e considerado como un dos compositores máis influíntes da historia.

Os concertos comezarán coa obertura El rapto del serrallo de Mozart. É unha ópera bufa, un espectáculo musical cun argumento que adquire ton de farsa. O xenial compositor austríaco escribiuna cando tiña 25 anos.

O público terá a oportunidade tamén de escoitar o Concerto para piano nº 25 de Mozart, coñecido como "Emperador". Será interpretado polo propio Maxim Emelyanychev, que nesta obra dirixirá á orquestra desde o piano.

Maxim Emelyanychev
Na actualidade é director titular da orquestra Il Pomo d´Ouro e un destacado representante da nova xeración de mozos directores. Nacido en 1988 no seo dunha familia de músicos, estudou dirección de orquestra no Conservatorio Estatal Chaikovski de Moscova, á vez que se formou en fortepiano e clave. Gañou numerosos concursos internacionais de clave e piano, entre eles o máis importante premio teatral ruso, a Máscara de Ouro, pola produción teatral das vodas de Fígaro na Ópera de Perm.

Emelyanychev debutou na dirección con 12 anos e desde entón púxose á fronte tanto de orquestras barrocas como sinfónicas en todo o mundo. Na tempada 2015-2016 dirixiu a Orquestra Nacional de España, a Real Filharmonía de Galicia e a Real Orquestra Sinfónica de Sevilla, coas que repite esta tempada.

Os concertos de Vigo e Santiago concluirán coa Sinfonía nº 38 de Mozart.

Compartir: