ALCALDÍA

A veciñanza do Rural Norte participa no segundo Encontro AO VIVO co Goberno compostelán

25/03/2017 Unhas trescentas persoas participaron na xuntanza, na que se falou moito da revisión catastral impulsada pola Dirección Xeral do Catastro.

Esta mañá celebrouse o segundo dos Encontros AO VIVO, desta vez dirixido á veciñanza da zona rural norte, que inclúe as parroquias de Bando, Sabugueira, Carballal, Enfesta, Cesar, Barciela, Marantes, Nemenzo, Busto, Verdía, A Gracia, A Peregrina, Grixoa, San Xoán de Fecha e Santa Cristina de Fecha. A cita celebrouse no Hotel Castro, de Formarís, coa asistencia dunhas 300 persoas.

Revisión catastral
Un dos temas sobre os que xurdiron máis preguntas para o goberno foi a revisión catastral impulsada desde a Dirección Xeral de Catastro, dependente do Ministerio de Facenda. A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, explicou moitas das dúbidas formuladas pola veciñanza, e lembrou que o Concello abriu unha oficina de atención situada no barrio de Galeras e para a que se pode pedir cita previa. A edil tamén sinalou que o concelleiro do Medio Rural, Rafael Peña, e ela mesma levan dúas semanas celebrando reunións polas diferentes parroquias para dar conta da situación.

Tamén houbo preguntas relacionadas coas bonificacións do IBI para a zona rural. María Rozas apuntou que nas ordenanzas fiscais se aplicaron as porcentaxes máximas permitidas pola lei para os solos rústicos, de forma que se aplican "bonificacións do 90 por cento se hai carencias de tres servizos básicos, do 70 por cento se faltan dous servizos, e do 50 por cento se falta un servizo".

Ademais, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, apuntou que nalgunhas zonas existe o problema de que "no PXOM do 2008 os solos foron catalogados como urbanos, e iso impide aplicar as bonificacións". O edil explicou que solucionar iso requiriría modificar o PXOM, e lembrou que "esa catalogación tiña o obxectivo de permitir a construción de vivendas, pero non podemos dar licenzas porque os propietarios están obrigados a asumir pola súa conta os custos da dotación de servizos".

Transporte e mantemento
A veciñanza do rural norte tamén mostrou as súas queixas en relación ao servizo de transporte colectivo. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que o Goberno está traballando "no redeseño das liñas, coa intención de mellorar a atención ás parroquias, moitas delas sen este servizo a día de hoxe". Jorge Duarte apuntou que unha das opcións que se barallan é a introdución dun novo modelo de transporte "a demanda". Para a zona norte estase traballando en tres liñas a demanda, "nas que se fixan unhas frecuencias que se respectan se hai reservas por parte dos usuarios".

En canto ao mantemento da rede viaria, tanto o alcalde, Martiño Noriega, como o concelleiro de Medio Rural, Rafael Peña, explicaron que o Goberno está destinando ás parroquias todas as achegas da Deputación da Coruña, a través dos distintos Plans de Investimento que destina aos Concellos.

Outras demandas
A veciñanza do rural norte tamén mostrou a súa preocupación por outros asuntos como a limpeza de cunetas e gabias, as rozas dos camiños da concentración parcelaria, ou o estado da iluminación pública. Sobre este último punto, o concelleiro de Medio Rural lembrou que "xa se substituíron moitas luminarias, e estamos revisando que o seu funcionamento sexa o correcto".

Tamén houbo varias preguntas en relación á Vía Verde, un proxecto de 2008 que non se chegou a desenvolver. O alcalde, Martiño Noriega, explicou que o Goberno está traballando no desenvolvemento da Vía Verde, e lembrou que nas últimas semanas houbo xuntanzas ao respecto tanto coa Deputación da Coruña como coa Fundación de Ferrocarriles de España para avanzar neste obxectivo. Tamén explicou que dentro do proxecto inclúese a recuperación da estación vella de Verdía.

Compartir: